“Epistolario”: a escrita referencial de Díaz Castro

Epistolorio Xosé M. Diaz CastroEpistolario
Xosé Mª Díaz Castro
Edición de Armando Requeixo
Editorial Galaxia, Vigo, 2014, 236 páxinas

Nos postremos días do ano Díaz Castro chegounos o último agasallo: a publicación das cartas de interese literario, mais tamén íntimo, que cruzou con interlocutores da cultura galega, relacionados en xeral coa literatura de noso, que publica Galaxia, en edición de Armando Requeixo, o grande animador deste ano desde o punto de vista da escrita, mais no só iso. Baixo a directa responsabilidade do editor, viron luz as máis importantes producións biobibliográficas do escritor nado en Guitiriz. Ficaba porén sen atender o eido da escrita epistolar, quizais a letra miúda da produción escrita de Díaz Castro: o carteo, as cartas enviadas ou recibidas a ou de interlocutores. E iso é o que con bo tino fai o editor: recoller e publicar aquelas cartas nas que Díaz Castro e os seus correspondentes trataron asuntos de natureza literaria e/ou biográfica relevantes (páxina 8). Fican fóra deste volume, xa que logo, outras misivas de caracter familiar, laboral ou administrativo.
A publicación recolle misivas cruzadas cunha manchea de interlocutores nun amplo furco temporal: primavera de 1936 ata 1989. Preto de cento e medio de textos epistolares, tanto de como a Díaz Castro, intercambiados con Carballo Calero, Díaz Jácome, Fanego Losada, Fernández del Riego, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, García-Sabell, González_Alegre Bálgoma, González Tosar, Iglesia Alvariño, Martínez-Risco, Méndez Ferrín, Isidoro Millán, Uxío Novoneira, Ramón Piñeiro, Claudio Rodríguez Fer, Luciano Rodríguez, Serrano Puente e Vales Villamarín.
Moi ampla a correspondencia intercambiada con Carballo Calero, Díaz Jácome, Fernández del Riego, González Tosar e Ramón Piñeiro. Interesantes desde unha ollada literaria certas misivas que son en realidade verdadeiras autopoéticas, como a enviada en 1969 a Méndez Ferrín. Algunhas son cartas só de ida, sen respostas, perdidas se cadra por diversas circunstancias.
Un epistolario diazcastriano de amplo espectro canto aos asuntos tratados que o editor, nun bo exercicio de síntese resume nas seguintes categorías: noticias da biopoética diazcastriana; envío de colaboracións; consideracións (socio) lingüísticas; edicións de Nimbos; recepción crítica do anterior poemario; nomeamento como correspondente da RAG; e finalmente, participación en eventos literarios.

Xosé Mª Díaz Castro

Xosé Mª Díaz Castro

Misivas, pois logo, carentes de unicidade temática, que responden a circunstancias distintas e particulares dos remitentes ou do destinatario. Non entanto e malia a advertencia do editor de que este volume soamente recolle misivas nas que Díaz Castro ou os seus interlocutores tratan asuntos de natureza literaria, o epistolario de Xosé Mª Díaz Castro forma claramente parte do que algúns autores designan co nome de literatura referencial ou autobiográfica. Literatura íntima que un emisor envía a un receptor para darlle conta de informacións e xuízos sobre a súa creación literaria. Literatura referencial porque, á luz das ideas e informacións contidas nas cartas, podemos percibir con máis claridade en moitos casos as claves da escritura de Díaz Castro, mesmo chegando a revelar terreos agochados da personalidade do escritor. As cartas non son compatibles coa ficción; xa que logo, a vida fica inserida no papel e a escritura epistolar acaba sendo vida, ou ao menos unha escolla de vida que o emisor da carta quere transmitir ao destinatario. Velaquí pois o valor deste libro de literatura íntima, menor quizais, para termos unha máis cumprida visión da figura e da obra de Díaz Castro.