Dunha historia que revive

A venganza do difuntoA vinganza do defunto de Carlos Reigosa
Carlos G. Reigosa
Edicións Xerais, Vigo, 2014, 336 páxinas

 

A vinganza do defunto, ata o de agora a última entrega da saga Nirvardo Castro, é segundo o seu autor Carlos Reigosa, a súa novela de Vigo, se ben a cidade olívica comparte espazo con outros varios lugares: Mondoñedo, Madrid, Compostela e Arxentina. Mais, sobre todo cualitativamente, o espazo vigués imponse nesta nova achega arredor das pescudas detectivescas da parella formada polo detective Nirvardo Castro e o xornalista Carlos Conde. A quinta entrega dunha saga que tivo o seu debut no ano 1984 con Crime en Compostela.
A novela de C. Reigosa recupera e recrea acontecementos do pasado que teñen unha forte proxección no presente, ao que a destreza do autor fai chegar dun xeito verosímil. Os seus protagonistas son a parella formada polo detective Nirvardo Castro e o xornalista Carlos Conde que, como xa quedou sinalado, nacera hai trinta anos, mais aos que o escritor non os converte en personaxes arquetípicos, conxelados nunha época, cos mesmos trazos e idade doutrora, senón que evolucionan co tempo e mesmo cren nas súas limitacións. A trama argumental de A vinganza do defunto non deixa de ser orixinal, pois o seu arrinque é a petición dun personaxe vivo que lle pide a Nirvardo que se encargue de investigar a súa morte, mesmo antes de que se produza, como se dun asasinato se tratase. Deste xeito empeza a investigación dun feito que ten lugar na actualidade, pero cuxa explicación afunde as súas raiceiras no tempo da II Guerra Mundial, con cidades como A Coruña e Vigo, centros importantes de apoio aos submarinos alemáns, que acollían igualmente o espionaxe británico e por cuxo peiraos saía o volframio e fuxían cara a América primeiro os xudeus e máis tarde, os nazis. Acontecementos pois doutrora que planean con forza no presente.
A esculca detectivesca remexe naqueles tempos do volframio e da saída de xudeus e nazis desde o porto de Vigo cara a Arxentina. Mais a lea do volframio e dos submarinos nazis mergulla o detective na investigación que os levará a descubrir a morte do personaxe que presentía o seu asasinato, cun arrepiante suceso: a traxedia dunha muller xudía, secuestrada, escravizada, violada e asasinada por un grupo de nazis en Vigo. Unha historia aberta, sen pechar que revive en mortes e axustizamentos moitos anos despois e que levará á parella detectivesca polos escenarios xa amentados.
Unha historia de avolto detectivesco, con todas as convencións do xénero, pero que é moito máis, porque na mesma non predomina con exclusividade a resolución do enigma, senón un retrato de Vigo durante a II Guerra Mundial, un Vigo de ranchos-en-frío, nazis protexidos por falanxistas, xudeus tratando de saír para América e británicos traballando como espías. Unha terrible historia viguesa que ten consecuencias no presente, contextualizada, porén, nas crueldades sen sentido da II Guerra Mundial.

Carlos G. Reigosa

Carlos G. Reigosa

Carlos Reigosa amosa máis unha vez a súa mestría no manexo do xénero: enredo, intriga, maquinación e un ritmo apropiado que lle vai entregando ao lector en doses convenientes o avance da esculca e da aventura detectivesca, ata chegar a un desenlace dificilmente presentido polo lector. Á grande riqueza da trama engádese un bo desenvolvemento narrativo e un loable debuxo do perfil psicolóxico dos personaxes. Mesmo a presenza de personaxes reais actuais -Francisco Vázquez e Celso Collazo Lema nomeadamente- non semellan metidos na novela de maneira forzada, senón que, polos seus testemuños, a súa presenza é congruente coa trama. Xa que logo unha novela de detectives que se axusta de xeito acaído ao modelo canónico e constitúe unha moi interesante lectura.

(Texto publicado o día 11 de decembro de 2014 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)