Decálogo dos dereitos do neno ilustrados ficcionalmente

Os dereitos da infanciaOs dereitos da infancia
Varios autores
Ilustracións de Emilio Urberuaga
Edicións Xerais, Vigo, 2014, 87 páxinas

Co gallo da conmemoración do vinte e cinco aniversario da aprobación pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas do texto da Convención dos Dereitos do Neno, Edicións Xerais publicou este libro para o lectorado galego. Outros selos editoriais do Grupo Anaya fixérono igualmente en castelán e en catalán. A Convención dos Dereitos do Neno significou un paso máis con relación á Declaración Universal dos Dereitos do Neno aprobada en 1959. Ambas as dúas guían na actualidade as actuacións da UNICEF para “conseguir -como se escribe na Introdución desde volume colectivo e solidario- que estes dereitos se convertan en principios éticos perdurables e en normas internacionais de conduta cara aos nenos”.
A publicación chega precedida por un gorentoso prólogo que asina Francesco Tonucci, onde salienta que os nenos ao naceren xa son cidadáns, non futuros cidadáns, suxeitos, xa que logo, de imperativos de carácter xeral, e que eles mesmos deben defender os seus dereitos con tiracroios, non para lanzar pedras, senón palabras.
A seguir, o libro, logo de enunciar cada un dos principios da Declaración Uiversal dos Dereitos do Neno, agasalla aos lectores cun relato breve cuxa autoría corresponde a escritoras e escritores das literaturas infantís e xuvenís do estado español e de países latinoamericanos, como é o caso da escritora arxentina Ana María Shua ou da colombiana Gloria Cecilia Díaz. Microrrelatos esteados moitos deles na maxia, no territorio das bruxas, na comuñón dos cativos cos animais, nas pequenas ou grandes heroicidades do pasado histórico, nos dramas e na solidariedade da emigración, ou nese outro feitizo que é a vida e a realidade cotiás; e que teñen a nenas e a nenos como principais protagonistas.
Asinan esta colectánea de contos que desenvolven ficcionalmente o contido de cadanseu artigo da Declaración, Antonio R. Almodóvar, Eliacer Cansino, Gloria Cecilia Díaz, Agustín Fernández Paz, Mariasun Landa, Gustavo Martín Garzo, Gonzalo Moure, Daniel Nesquens, Ana María Shua e Lorenzo Silva. Acrecenta o primor deste libro o galano das ilustracións que para cada conto debuxou Emilio Urberuaga.
Con todo coido que cómpre salientar que o maior mérito deste volume non é a fermosura do seu contido, nin a súa feitura editorial, senón o seu valor didáctico. Non soamente é un pequeno volume moi acaído para a educación en valores que non debería de estar ausente de ningunha aula galega, nomeadamente en Educación Primaria e Secundaria, senón que, polos seus imperativos éticos, debe de transcender o mundo das nenas e nenos, considerados como suxeitos pasivos, e enchoupar o tecido social de todas as colectividades, comezando, xaora, pola escolar, mais indo moito máis alá, porque os dereitos de nenas e nenos han de ter vixencia, e non só formal, en todos os ámbitos da vida humana.