Dos triunfos na sombra

A diagonal dos tolosA Diagonal dos Tolos
Santiago Lopo
Editorial Galaxia, Vigo, 2014, 220 páxinas.

Debémoslle á inventiva de Santiago Lopo dúas pezas narrativas ben pouco convencionais: o fragmentarismo de Hora zulú (2012) e esta Diagonal dos tolos, cuxa estratexia narrativa non ten nada que ver coa narrativa fragmentaria, senón cunha estratexia compositiva esteada en dualidades: o relato dunha carreira e a irrupción dun forte onirismo que precipita ao protagonista, un informático de orixe francesa, no seu pasado de escravo. Ambas as dúas corren á par neste recente artefacto literario de S. Lopo, de novo unha peza moi arriscada que demanda lectores activos.
Un breve prólogo da autoría do mesmo escritor achégalle ao lector información verbo dunha arriscada aventura que ten lugar na Illa da Reunión, no océano Índico. A chamada La Diagonale des Fous, unha carreira ultrafondo das máis duras que existen. Nesta brutal carreira os participantes deben percorrer cento sesenta quilómetros en liña oblicua, atravesando a Illa, subindo os cumes máis altos e arriscando as súas vidas. Sobre este acontecemento cimenta S. Lopo esta novela breve. Pierre, o principal protagonista vai participar nesa tolemia por cousa dunha cláusula testamentaria. Debe correr a Diagonal dos Tolos en menos de cincuenta horas se non quere que a mansión que recibira do se pai en herdanza, pase a ser patrimonio do estado.
E Pierre inicia a carreira disposto a rematar a proba. A súa será unha competición persoal, mais nel, como en Murakami, correr nunca fora un xeito e vida. Loitará contra si mesmo, forzándose ata o límite, percorrendo as zonas inaccesibles da Illa que gardan unha morea de segredos.
Mais as páxinas de S. Lopo non só lembran a fazaña dunha persoa que corre, senón que se pon en contacto coa historia pasada da Illa. Emerxe así no protagonista branco un forte onirismo que dá lugar a esa estrutura compositiva dupla. Mentres corres, teimudas e arrepiantes analepses fano recuar a séculos pasados, a 1732, co nacemento da cuarta filla de Luís XV e co Code noir, o sanguinario código que rexe a escravitude. Entrevé así un seu alter ego, un escravo, un grand marron á procura da liberdade, que se muda de escravo perpetuo a eterno fuxitivo. E no transfondo , un cadoiro de lembranzas que é incapaz de desbotar: a escravitude como man de obra gratuíta e os brancos preñando as mulleres negras. Unha pavorosa pegada racista e colonialista na que os negros son considerados seres inferiores e que, a xuízo da Igrexa, deben de ser cazados e explotados.

Santiago Lopo

Santiago Lopo

A novela de S. Lopo fai meditar verbo do que move as persoas a se forzaren ata o límite; sobre a dureza do fracaso e a importancia de ser capaces de se erguer, seguir e loitar. Os triunfos na sombra e as derrotas anónimas -cavila o informático francés- forman parte da mochila invisible da humanidade. Mais a carreira supón algo máis que o triunfo para o protagonista: unha viaxe introspectiva ao pasado que lle permite fuxir do seu status de home branco e mergullarse na arrepiante historia colonial da Illa.
O autor dosifica de forma acaída a intriga, mestura con habelencia grandes doses de onirismo, lendas locais e as lembranzas do pasado colonial. A trama desenvólvese ao ritmo da carreira e o autor é quen de expor con acuidade as dúas grandes ideas-eixo subxacentes na súa proposta narrativa: o encomio do esforzo persoal e a denuncia dun pasado colonial concreto, mais que pode ser percibido como símbolo de todos os pasados revirados da humanidade nos que o ser humano escravizou o ser humano.

(Texto publicado o día 27 de novembro de 2014, no suplemento Faro da Cultura, páxina VI  do xornal Faro de Vigo)