Realismo visionario. As zonas agochadas do cotián

As ilusións estrañas de Antón DobaoAs ilusións estrañas
Antón Dobao
Editorial Galaxia, Vigo, 2014, 156 páxinas.

As ilusións estrañas é a segunda incursión de Antón Dobao na narrativa. Unha escolma de relatos que publica oito anos despois de Incertos, que se facía agardar porque a calidade da prosa do autor e esa acertada e á vez desacougante ollada á realidade humana, preñada de ilusións estrañas, deixan un gorentoso sabor no padal, de tal xeito que con deleite repetiría a dentada noutros relatos erguidos coa mesma galanura e sagacidade. En cento cincuenta páxinas concentra o autor trece relatos de mediana extensión, nos que fai rebentar aquilo que está máis alá das aparencias das cotiás realidades da existencia humana. E faino ganduxando esa fasquía marabillosa, estraña e, polo xeral, inquietante que o lector atopa especialmente no remate das historias, cun desenvolvemento das mesmas onde prima unha composición realista alicerzada na realidade presente de mulleres e homes perdedores: transterrados do rural ao urbano, ou vítimas do flaxelo da actual crise laboral.
Tramas como a narrada por un home que deixou a aldea atrás para sempre, pero sen poder desfacerse dos seus resóns e lembranzas, que nos dá conta do abandono da vida rural e cun desenlace ateigado do sangue dun crime que el cometera. É modélico nesta mesma liña o relato que pecha o volume: o protagonista, un ancián xubilado e viúvo, transplantado así mesmo da vida rural á urbana, nutre a súa existencia nunha atmosfera onde todo é silencio, ata que a morte semella achegarse a súa beira. Noutros relatos, Antón Dobao mergulla o lector nos presentes fuscos e nos futuros de naufraxio das vítimas do desemprego que converten ao protagonista nun ninguén ou nun ser que vive a ilusión dun encontro azaroso cunha rapaza, mais ao día seguinte a serpe segue roendo o seu interior. O autor tematiza asemade noutras historias relacións aparentemente modélicas no seo dunha familia, mais ateigadas de desaxustes e mesmo de envexas. Ou nos sitúa nunha narración metaliteraria, cun desenlace inesperado e perturbador.
Tracexa pois Antón Dobao relatos con tramas variadas, esteados, porén, na súa meirande parte en historias realistas. Será nos seus desenlaces onde aparece o lado invisible e escuro desa realidade cotiá, o insólito, esas ilusións estrañas, tinguidas case que sempre de sangue e violencia, que o lector dificilmente prevé. Relacións humanas que se converten de xeito imprevisto e tensas e arreguizantes e que nos fan pensar nunha narrativa que dialoga con substratos kafkianos e mesmo con certas propostas da Nova Narrativa Galega.

Antón Dobao

Antón Dobao

Asemade, a presenza do azar que se insire nos actos dos seres humanos, é outro elemento compositivo salientable nesta colectánea de prosas. É a aleatoriedade a que aleita o desenvolvemento ateorizable da existencia dos protagonistas e da que agroma ese cadoiro de finais sorprendentes, inesperados e desacougantes.
Escrita na que acada una salientable importancia o perspectivismo, a linguaxe visual, nomeadamente no retrato dos personaxes debuxados con planos superpostos. E un certo minimalismo que se deixa sentir sobre todo neses remates como alustros, de dúas liñas, tallantes como gumes ben afiados e ganduxados cunha lingua vigorosa. Un galego vizoso, malia ese minimalismo, cuxa violencia expresiva nos fan pensar nas marcas dunha escrita próxima ao expresionismo. Unha sorte, xa que logo; de realismo visionario, alucinado.

(Texto publicado o día 30 de octubro de 2014 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI do xornal Faro de Vigo)