Rosalía ficcionalizada

A dama da noiteRosalía de castro
Xavier Seoane,
Edicións Laiovento, Brións, 2014, 157 páxinas.

A dinámica creativa de Xavier Seoane desprégase por distintos camiños e é partidario da escritura creativa “de natureza aberta”. Mais é sobre todo un poeta, condición que se deixa sentir en todo canto escribe, tamén no ensaio e na prosa narrativa, que agroman “contaminados” de fulxencias líricas. Tal acontece coa súa segunda novela, A dama da noite, unha notable e, polo de agora, única contribución a historia do rosalianismo desde o xénero narrativo. A falta desa agardada e rigorosa biografía de Rosalía -hai numerosos retratos literarios, panexíricos e haxiográficos esteados en tópicos mitificadores e tamén algunhas interpretacións demitificadoras- X. Seoane opta pola vía ficcional, segundo o que afirmaba Baudelaire: hai dúas maneiras de cinxirse ao relato, a historia e a novela. E unha verdadeira novela é o que X. Seoane nos ofrece neste libro sobre Rosalía, orquestrado cunha sólida arquitectura compositiva. A figura de Rosalía convertida en personaxe de ficción. Imaxinario si, mais non de costas á realidade.
En efecto, un narrador “demiúrxico e omnisciente” desprégase nos primeiros capítulos en dúas voces que se alternan e narran en paralelo. Faino unha en terceira persoa e conta o nacemento de Rosalía. A outra, en primeira e rememora e recupera, desde o retiro da Matanza, as lembranzas de toda unha vida. Mais logo, é a voz da poeta na que, nun intenso e por veces duro monólogo, repasa a súa vida, desde esa sombra de aldraxes e berros da rapazada (“filla de crego…o pai corvo e ela de negro”), ata a necesidade de mar e a derradeira viaxe a Carril antes da morte. Mil lembranzas que abrollan no leito da muller doente e que, entre mortes, ausencias e privacións, afondan no calvario dunha persoa que só na escritura atopa liberación e consolo.
Con acerto detén por veces o autor este monólogo interior e dálle entrada a outras voces e a outros recursos: os dicires dos veciños, as cartas apócrifas dos amigos e mesmo de Murguía, a imaxinaria confesión do pai, o crego José María Viojo, arrepentido das súas relacións ilícitas e sacrílegas, ou o monólogo da filla Alexandra nos derradeiros días da nai. Con todas estas fías ergue X. Seoane unha acertada biografía ficcional de Rosalía de Castro e a través da mesma penetra habilmente na psicoloxía dos personaxes, na descrición de espazos e ambientes pouco favorables que rodean a unha muller que se sente un monicreque da vida, pero que nunca foi unha “abnegada”, como se lles demandaba ás mulleres do século XIX.
Subliño na achega de X. Seoane a humanización que o autor fai da figura de Rosalía de Castro, mitificada na meirande parte das biografías e retratos literarios que se fixeron da súa figura. A perspectiva desde a que se focaliza a ficción, non é a obra literaria de Rosalía, senón a loita dramática entre a vida e a morte que favorece esta imaxe da escritura que presenta o personaxe como unha muller de carne e óso.
Novela ganduxada, xa que logo, amalgamando xéneros: biografía e ficción, do que resulta unha historia alusiva de Rosalía. Mais a ficción como marcador semántico que é, somete as súas leis todo o que toca. Non é esta pois en rigor e puridade unha novela histórica. Non entanto, a lingua poética e a musicalidade da prosa de Xavier Seoane ilustran de xeito fermoso e brillante os perfís e a existencia dunha personalidade singular, mais tamén humana.
(Texto publicado o día 23 de outubro de 2014 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)