Patrick Modiano

Patrick Modiano, foto de Daniel  Mordzinsk

Patrick Modiano

O pasado xoves, 9 de outubro, a Academia sueca facía público o nome do Premio Nobel de Literatura deste ano. O elixido foi o escritor francés Patrick Modiano, argumentando o portavoz da Academia a concesión do Premio nas seguintes palabras: “Pola súa arte da memoria coa que ten evocado os destinos humanos máis custosos de retratar e por ter desvelado o mundo da ocupación” (a ocupación nazi de Francia). Mais, xa con anterioridade á concesión do Nobel, Modiano estaba considerado por moitos lectores como o novelista vivo máis importante. Modiano é autor dunha profusa obra narrativa, ambientada na ocupación nazi de Francia, que el non viviu persoalmente -naceu no ano 1945-, mais á que considera un “período escuro e vergoñento” da historia francesa que abebera a súa propia prehistoria persoal.
O último libro do Nobel 2014 publicado en Francia hai pouco máis dunha semana, Pour que tu ne te perdes pas dans le quartier (Para que non te perdas no barrio), fai o número vinte e oito dunha obra narrativa que se desenvolve na súa meirande parte no barrio XVI de París, un barrio burgués e anódino, non paralizado pola historia. Vinte e catro títulos desta ampla obra narrativa están traducidos ao castelán. Porén, ningún ao galego. O último deles é a novela La hierba de las noches, editado por Anagrama. Unha novela breve que non se afasta do estilo habitual da prosa de Modiano: escritura sutil, meticulosa e sobre todo poética: Na mesma latexan as iedas-eixo de Modiano: a escrita como medio de loita contra o esquecemento e como recuperación do tempo pretérito, nomeadamente da barbarie que aldraxou o século XX.
Novela erguida pois co aire que respira a memoria, tal como se conserva moitos anos despois dos acontecementos, nunha belixerancia contra o esquecemento, coa particularidade, porén, de que está escrita como unha novela negra. Unha elexía do pasado no que unha investigación policial se converte na fronteira das xeografías do pasado, que equivalen no presente ao tempo da vellez. Modiano estrutura esta nouvelle, un cumio da autoficción poético-policial, nas antípodas do canon compositivo tradicional. Sen introdución, nó, nin desenlace. Soamente París e Modiano e esa aura melancólica que, moitos anos despois, segue viva na memoria. Tal é o universo Modiano, o último Premio Nobel de Literatura.
(Texto publicado no xornal El Correo Gallego o 15 de outubro de 2014. Para ver o orixinal, pinchar aquí)