Amalgama de historia e ficción

A maleta de Victoria Kent en JPGA maleta de Victoria Kent
Xerardo AfraFoxo
Editorial Galaxia, Vigo, 2014, 425 páxinas

O 16 de setembro de 1936 Xosé Romero Tubio, “O Pombeiro”, primeiro presidente do Sindicado Agrario de Oficios Varios de Cruído (Lousame), engaiolado no cárcere de Noia, foi covardemente asasinado nunha “saca” organizada polos camisas azuis máis reaccionarios e representativos da vila. Foi o asasinato dun obreiro das canteiras, un sindicalista comprometido co movemento sindical anarquista, do que nunca renegou, e cuxo único delito foi defender a legalidade republicana. Sobre os derradeiros días da vida desta vítima do odio e da intolerancia dos falanxistas, oligarcas e caciques da comarca, tece Xerardo AfraFoxo a súa cuarta achega ficcional á memoria histórica, naqueles días nos que a sublevación militar no Protectorado de Marrocos, ateigou de vinganzas e asasinatos as cunetas e cemiterios das nosas aldeas, vilas e cidades.
A maleta de Victioria Kent volve ser unha novela social, un tipo de literatura absolutamente necesario na nosa escrita, malia o considerable número de pezas narrativas ou monografías e ensaios que nos últimos lustros recrean aqueles días, meses e anos de terror, odio e crueldade. Necesaria porque, xa que non o poden facer os tribunais de xustiza, a investigación dos historiadores, mais tamén a literatura están axudando a esgazar o manto da desmemoria, permitindo que saian á luz moitas cousas, moitos aldraxes e crimes do noso pasado franquista. Aquí -e cómpre non esquecelo- nunca se fixo xustiza cos que se rebelaron, cos torturadores, cos asasinos e xenocidas. Esta peza ficcional que rescata do esquecemento os últimos días e o calvario dun humilde sindicalista comprometido, chéganos da man dun escritor avalado pola súa condición de reputado historiador, precisamente da Guerra Civil en Noia e Lousame e das memorias do franquismo nesas comarcas.
A novela vertebra a súa trama argumental, como digo, arredor da figura e peripecias de Xosé Romero Tubio, na narración Liberto, aínda que polas letras iniciais, X.R.T. que aparecen en dous parágrafos da novela (páxinas 233 e 279) fica claro que foi el a vítima do paseo organizado polos falanxistas de Lousame e Noia. Unha acaída mestura de trazos persoais e familiares do protagonista, así como da súa etapa na emigración cubana, cos sucesos históricos da sublevación fascista e a súa repercusión en Liberto e na súa familia danlle corpo á primeira parte da narración: a súa conciencia de vivir nunha aldea sen memoria; a morte tráxica do fillo que o protagonista engulirá como unha condena perpetua; as súas loitas contra Serrabal, o temido contratista dono das canteiras e máis tarde xefe da Falanxe local; o estoupido do golpe de estado; a súa defensa da legalidade marchando cara a Santiago e a Coruña; o frustrado intento de fuxir para América…
Na segunda parte, sen dúbida a máis arreguizante, o relato narra a detención e o engaiolamento do protagonista, a súa persecución, mesmo estando preso no deposito municipal; as torturas ás que foi sometido e o asasinato que o lector atopa no desenlace pero que presente desde as primeiras páxinas.
Xerardo AgraFoxo emprega con mestría e acuidade a información histórica, suturándoa coa ficción nun relato no que, con exactitude, nos traslada o que vai acontecendo, mais dosificando

Xerardo AgraFoxo

Xerardo AgraFoxo

oportunamente a tensión. Bo retrato dos ambientes previos e posteriores á rebelión militar tanto en Campanle (Cruído), a aldea de Lousame, como na vila de Portomaior, facilmente identificable con Noia. Así como o perfil psicolóxico dos personaxes que máis peso teñen na novela: o protagonista Liberto, Xoana a súa muller, Serrabal, o xuíz Balboa, Matilde Gasset, muller do boticario, Marcelino, rico empresario madeireiro e novo alcalde falanxista e outros oligarcas e caciques da comarca. Tamén personaxes de menor categoría que, non entanto, queren conseguir o seu botín: a morte do humilde e á vez afouto sindicalista. Non faltan tampouco acaídas e ata intrigantes doses de aventura que o lector atopa sobre todo no entobamento e intentos de fuxida do protagonista. E algo moi salientable: unha secreta relación sentimental que revelan unhas cartas comprometedoras e que, de xeito indirecto, condicionan o tráxico desenlace.
Unha boa novela baseada no relato de accións, nos diálogos, con poucas pero ben artellados trazos descritivos; e na habilidade do autor para enxertar a historia na ficción. Xerardo AgraFoxo non é desleal coa historia. Toda a barbarie que atopamos nas páxinas da novela, aconteceu, mais A maleta de Victoria Kent non é historia. Os elemntos ficcionais inxectados na realidade histórica e nos personaxes reais anulan a historia. Con todo, tamén a iluminan de xeito fermoso. O rigor histórico achámolo nas investigacións nas que X. AgraFoxo estuda e escudriña aqueles días de barbarie e de terror, mais tamén de enerxía e carraxe.