Nélida Piñón na Real Academia Galega

Nelida Piñón recibindo a medalla da mans do Presidente da RAG, foto Gabriel Tizón

Nélida Piñón recibindo a medalla de académica de honra de mans do Presidente da RAG ( foto de Gabriel Tizón)

Onte, 27 de setembro, a escritora brasileira Nélida Piñón (Río de Xaneiro, 1937) ingresou na Real Academia galega como membro e honra da mesma. Súmase así aos seis membros de honra que na actualidade forman parte da RAG. Na solemne sesión, a escritora brasileira, Premio Príncipe de Asturias das Letras no ano 2005, pronuncio un fermoso discurso, “A épica do coraçâo” (pódese descargar aquí xunto coa resposta do académico de número Ramón Villares). No mesmo a escritora, cuxo nome é o anagrama do seu avó galego Daniel, evocou a importancia da aprendizaxe que desde nena tivo a cultura e a lingua dos seus pais, Lino Piñón e Carmen Cuiña, naturais de Cotobade ( Pontevedra) e emigrantes en Brasil, na construción do seu imaxinario.
Nélida Piñon, como se afirma no comunicado da Real Academia Galega, escribiu Galicia no Brasil. En lembranza do ingreso e recepción da escritora brasileira na RAG, e conmemorando os trinta anos da publicación da súa magna obra, A república dos sonhos (1984) e os dez da súa tradución á lingua de noso, reproduzo o comentario publicado en Novenoites o día 2 de febreiro deste ano (sección Libros de fondo).

“A REPÚBLICA DOS SOÑOS”,UNHA SAGA A republica dos soñosFUNDACIONAL

A república dos soños
Nélida Piñón
Traducion de Carmen Torres París e Dolores Torres París
Editorial Galaxia, Vigo 2004, 936 páxinas
(LIBROS DE FONDO)

Foi a súa singular teoría da mestizaxe, configurada por varias tradicións literarias e alicerzada na realidade, na memoria e na fantasía dos soños, o que valorou o xurado á hora de lle outorgar a Nélida Piñón o Premio Príncipe de Asturias das Letras do ano 2005. Gañadora así mesmo doutros importantes galardóns, como o Juan Rulfo ou o Premio Internacional Menéndez Pelayo, esta filla de galegos emigrantes no Brasil, súmase así a unha relación de escritores de primeira orde gañadores do Príncipe de Asturias, en especial desde a súa universalización alén do ámbito iberoamericano. En venturosa coincidencia, o outorgamento do Premio fíxose realidade soamente uns meses despois de que a Editorial Galaxia traducise para a nosa lingua A república dos soños, un dos cumes da obra narrativa da escritora brasileira.
Nélida Piñón forma parte da nómina de escritores latinoamericanos que conforman o club dos escritores míticos. As súas ficcións están tecidas con historias que proveñen dun pasado mítico pero real, historias que se disiparon no pasado século, legando, non obstante, unha caudalosa e ricaz fervenza de contidos imaxinarios para nutrir a creatividade de moitos escritores da outra beira do Océano. O legado da memoria, tan importante na obra dunha muller que conxura aos devanceiros e os senta na nosa mesa para que nos engaiolen co manxar das súas historias. As súas achegas máis salientables desde esta vertente mítico–memorialista son sen dúbida A doce cançao de Caetana, A casa da paixâo, O pâo de cada día, e nomeadamente esta saga monumental, A república dos sonhos, coa que a narradora nos transmite a súa visión fundacional da literatura e pon en evidencia que Galicia fecundou desde sempre o seu imaxinario.
Esta inmensa saga é unha procura dos devanceiros galegos que emigraron ao Brasil onde lle deron forma aos seus soños, logo dunha acollida non doada, alimentada co pan reseso no duro catre dunha pensión barata. É o poder de resistencia dun pobo acostumado a mil diásporas. O lector atopará na novela unha sociedade enteira coas súas lendas e mitos e dúas raíces: a galega e a brasileira. Non a doce Galicia dos trobadores medievais, senón a Galicia rural, patria da miseria. E alén mar, Brasil, América “fonte de cura de todos os males e esconxuros dos demos”.
En Vigo no ano 1913 dous rapaces embarcan rumbo ao Brasil. Trátase do triunfador Madruga e do soñador Venancio. Botan o rizón no litoral brasileiro e alí inician a procura da súa república de soños. A partir dun emprego humilde, a existencia de Madruga describe unha traxectoria de éxitos e fracasos que poñen a proba os seus ideais de liberdade e felicidade. Varias décadas máis tarde, é a súa neta a que xunta os fragmentos dunha existencia transterrada, reconstruíndo así a historia da familia que se confunde coa do Brasil.
Coexisten na novela dúas voces que evocan en primeira persoa: a de Madruga e a da súa neta Breta (forma regresiva de Bretanha), fragmentos paródicos de Venancio, o outro emigrante, e unha omnisciente terceira persoa que combina maxicamente todo nun xogo de lembranzas persoais e históricas. E en áxiles pinceladas describe a autora a identidade fragmentada dos seus heroes. En canto a súa estrutura, o romance configúrase como a emerxencia de voces híbridas e arrastra á superficie textual fragmentos de eventos e vidas, mesturados con ecos de historias e lendas transmitidos ao longo de xeracións. Domina Nélida Piñón unha grande variedade de rexistros e caracterízase polo seu rigor, así como polo emprego dunha linguaxe poética que multiplica os feitos a través da metaforización, amosando un grande amor pola palabra, non como forma gramatical, senón como maneira de sentir, pensar e rebelarse.