Coas ferramentas da evocación. Humor e colorido

Raíñas no meu xardínRaíñas no meu xardín reducidoooooooooo
Xosé Manuel G. Trigo
Editorial Galaxia, Vigo, 2014, 184 páxinas.

Con pouca obra publicada e sen se sentir compelido polas urxencias de facelo, Xosé Manuel G. Trigo escribe de vagar e faino porque, disque, descubriu de neno que a escrita era o único que lle amansaba os nervios. Os seus libros, porén, acostuman ser verdadeiros galanos que regalan inesperados praceres. Así, logo de varios anos sen publicar, retorna á narrativa coa súa primeira novela, Raíñas no meu xardín, unha peza literaria peculiar que, secasí, amosa todas as marcas da escrita do autor. Unha novela erguida cos apeiros da evocación, dunha recordación non premida nin polas leis da historia nin pola realidade. A mestura de realidade e fantasía será, pois logo, unha das constantes deste texto, xa que o narrador considérase un “narrador omnisciente”, condición que lle permite unha ampla liberdade para fusionar historia e realidade, e mesmo dislocar o tempo, tomo tal, meterse debaixo da cama de Carolina Otero a asexar o que fai na compañía dun novo pretendente, ou chegar á beira do río Sar furando como unha toupa terras e séculos. Será non só un dos trazos esenciais definidores desta peza ficcional, senón tamén unha das canles por onde discorre a narrativa posmoderna.
Evocacións “belaoteristas” e “toinettistas” porque as dúas grandes referencias e protagonistas de Raíñas no meu xardín son Agustina de Valga, como bailarina e cortesá Carolina Otero, e Toinette, a nena princesa na corte imperial austríaca, que será María Antonieta nos espellos de Versalles.
O protagonista, que é asemade narrador en primeira persoa e esconde unha grande afección pola xardinaría, recrea na burbulla da súa imaxinación e estando de aprendiz de jardinier du roi a vida da Bela Otero, os seus primeiros anos bailando no Espolón padronés con espectadores como don Manuel Murguía e a súa dona, a poeta Rosalía de Castro; máis tarde, cando acada a fama, como bailarina, como gran cortesá que “socializa a súa sexualidade” con millonarios e aristócratas. E aínda que o autor a fai coincidir con Proust, o escritor francés era para ela como un señorito de Pontevedra.A bailarina galega era moito máis sensible ao brillo dos diamantes que aos fulgores literarios.

Xosé Manuel G. Trigo en horizontal

Xosé Manuel G. Trigo

Evocación así mesmo de María Antonieta, desde nena princesa con moitos paxaros na cabeza, ata cando exerce de raíña en Versalles, pouco propensa a ler, máis ben dada aos amoríos e cunha afinidade compartida coa valguesa: a paixón polas xoias.
Nestas navegacións da imaxinación, o narrador, alter ego do autor, sutura as súas lembranzas e acontecementos froito do seu maxín. Endalí que na existencia da valguesa atopamos escritores como Marcel Proust, Colette, Valle Inclán, Murguía, Rosalía de Castro e unha serie de personaxes, sobre todo da Belle Époque: Coco Chanel, o presidente Félix Faure, o político e premio novel da paz Aristide Briand e tantos acontecementos e lembranzas que a peneira de Carolina Otero fará esquecer nunha sorte de liquidación minimalista, para poder vivir dun xeito feliz o momento presente.
Novela que se desenvolve á marxe das estruturas compositivas tradicionais (presentación-nó-desenlace). Nin sequera a morte de Carolina pode considerarse o desenlace da novela, escrita cunha lingua cálida, rebordante de colorido, de humor e de retranca que envolverán o lector que se mergulle na lectura deste libro, un pequeno e esmerado meiró literario.

(Texto publicado o día 18 de setembro de 2014, no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)