Historias de crises e soidades

Os televisores estrábicosOs televisores estrábicos
Ramón Vilar Landeira
Edicións Xerais, Vigo, 2014, 143 páxinas.

Dirixida prioritariamente a un público adulto, Ramón Vilar Landeira, xornalista e coordinador de proxectos culturais e educativos, publica en Xerais a súa primeira obra, Os televisores estrábicos, unha escolma de catorce relatos que tematizan, como eixo principal, as diversas formas nas que a actual e xa delongada crise atinxe e afecta ás persoas. Xa que logo, un monllo de relatos concentrados na temática social máis importante dos nosos días, feito que explica, xaora, o éxito que o libro está a ter entre o lectorado galego.
Relatos fusionados, pois logo, polo momento de crise económica, social e sobre todo persoal que está afectando a mulleres e homes e ata aos cativos e ás cativas dos nosos días. Relatos descarnados xa que foron escritos nos anos 2010 e 2011, cando a crise comezou a afectar de xeito máis virulento ás cidadás e aos cidadáns deste país. Intrahistorias ficcionais, mais dotadas dun elevado e profundo grao de credibilidade xa que as diversas situacións que podemos ler nestas historias de Ramón Vilar Landeira observámolas a cotío na rúa ou nos fogares galegos. Un bo azougue, xa que logo, para espellar a Galicia dos nosos días, aínda que nalgúns destes relatos (“Reforma”, “O orballo no retrovisor”, “A calor das mantas eléctricas”, “Caramelos de café con leite”…) oportunas analépses remiten ao lectorado á décadas pasadas, traendo á “moa dos recordos” evocacións doutrora. Retratos quer conxelan imaxes coa axuda da memoria, como o propio autor define as súas historias no derradeiro texto da escolma, “Diario de Caión”, un relato metaficcional, un do mellores na miña estima.
O autor emprega, entre outros recursos, unha acaída técnica realista. Reflicte, como digo, a través do filtro da memoria, problemas vividos polo propio creador, que lles pasaron a outros a outras persoas ou que lle contaron, mais sempre ficcionalizados. Mesmo Grandil, o espazo que serve de marco para a meirande parte das historias, é un topónimo que existe, mais nos relatos aparece como un Macondo galego. Esa técnica realista “obriga” ao autor a ollar para o mundo que nos rodea e reflectir o que está acontecendo. E o que acaece é un ir e un vir de seres desesperados, despoxados, sen ningún abrigo no que protexerse, agás a vivencia do terrible drama da soidade que se presenta de millentas maneiras. E sen saber como reaccionar. Perdedores que responden de xeito dispar, algúns, como o protagonista da historia que enceta o volume, atracando un banco. A cara B das noticias que publican os xornais ou aparecen nas televisións, mais que fica encuberta nesas visións unidireccionais do que nos contan.
Os relatos de Os televisores estrábicos abordan desde a ficción moitos dos problemas derivados da crise; historias de perdas, de fracasos, das vidas en soidade, cada día máis dramáticas. E asemade outros que son consuetudinarios ou lacras moi frecuentes na sociedade galega: o despoboamento do agro galego, a perda do posto de traballo, o mundo da droga, a emigración, os problemas da educacións dos rapaces que non queren falar galego porque o consideran unha merda. As dificultades de escribir en galego (é como rexentar un supermercado de barrio a douscentos metros dunha grande área comercial, páxina 136). E tantos outros atrancos, por veces insuperables, para sobrevivir na sociedade galega.

Ramón Vilar Landeira

Ramón Vilar Landeira

Saliento o xa amentado último relato do volume, “Diario de Caión”, sobre todo pola súa condición metaliteraria e autorrefencial do eu. O propio autor convértese neste relato -unha sorte de diario de traballo- en personaxe dun relato que amalgama o seu naufraxio conxugal, a perda do posto de traballo nun xornal consecuencia de crise co relatodo proceso de escritura de varias das historias do libro.  Escritura pois que se refire a si mesma, autorrepresentativa, mais de ningunha maneira narcisista.
Remato subliñando o emprego moi oportuno e eficaz, ademais da ollada realista, doutros recursos narrativos de uso frecuente na narrativa actual: o perspectivismo moi perceptible no primeiro relato, “748 gramos”, as frecuentes analépses, o contrapunto e mesmo certo realismo sucio ao xeito de Carver, mais sen aquelas podas minimalistas que a moitos dos relatos carverianos lles fixo o seu editor, Gordon Lish, “Captain Fiction” como é coñecido. Escrita moi efectiva, esteada nun apropiado estilo xornalístico, non exento porén dalgúns galanos formais e mesmo dalgunha greca lírica que humanizan este friso de doenzas, miserias e desazos do noso tempo.