“Raíñas no meu xardín”, as viaxes da imaxinación

                                                         Raíñas no meu xardín
Xosé Manuel G. TrigoRaíñas no meu xardín reducidoooooooooo
Editorial Galaxia, Vigo, 2014, 184 páxina

Xosé Manuel Trigo é un autor que no está ferido polas urxencias e compulsións de publicar. Faino demoradamente porque, disque, descubriu de neno que era o único que lle calmaba os nervios. Os seus libros, porén, acostuman ser verdadeiros galanos que abeberan os lectores que son fieis aos feitizos da súa prosa. E así, tras varios anos sen publicar -a súa última obra, Viaxes no corazón. Diario íntimo, viu a luz no ano 2008-, retorna á narrativa con esta novela, Raíñas no meu xardín, distinta, peculiar, que, secasí, achégalle ao lector as marcas da escrita do autor.
Unha novela escrita coas ferramentas da evocación, unha recordación non constrinxida nin polas leis da historia nin da realidade. Xa desde as primeiras páxinas, o escritor déixalle ben claro ao lector que a mestura de realidade e fantasía será unha das constantes deste texto, pois que o seu narrador considérase un “narrador omnisciente”, condición que lle permite unha ampla liberdade para confundir historia e realidade e mesmo para dislocar o tempo, como tal, meterse debaixo da cama de Carolina Otero a pescudar o que fai na compañía dun novo noivo ou vir a dar á beira do río Sar furando terras e séculos coma unha toupa. Será un dos trazos esenciais definidores desta novela e, en xeral, dunhas das canles por onde discorre a narrativa posmoderna.
Evocacións “belaoteristas” e “toinettistas” porque as dúas grandes referencias e esteos protagónicos de Raíñas no meu xardín son Agustina de Valga, como bailarina e cortesá Carolina Otero, e Toinette, a nena princesa na corte imperial austríaca que será María Antonieta nos espellos de Versalles. Tirando do fío fabulador, o protagonista que é asemade narrador en primeira persoa e sente unha grande afección pola xardinaría, escorda, como xa dixen, tempos e espazos e así, estando de aprendiz de jardinier du roi en Versalles, intenta saudar a unha compatriota, Carolina Otero que acadaría a fama dous séculos despois. Convoca pois o narrador as vidas e séculos que leva dentro, porque para a imaxinación, como acertadamente di, “o mundo é un pañuelo e o tempo un pano de man” (páxina 98).
Recreacións, pois logo, ateigada de fantasía da vida de Carolina Otero, dos seus primeiros anos en Valga e Padrón, imaxinándoa con Borobó bailando no Espolón padronés con espectadores como don Manuel Murguía e a súa dona, a poeta Rosalía de Castro. Máis tarde, cando acada a fama, como bailarina, como gran cortesá que “socializa a súa sexualidade” e comparte a súa carnalidade con millonarios e aristócratas. Por iso, aínda que o autor a fai coincidir con Proust, o escritor francés era para ela como un señorito de Pontevedra, pis a bailarina galega era pouco sensible aos afectos do talento literario, e moito máis ao brillo dos diamantes.
Evocación así mesmo de Toinette (Maria Antonieta), desde nena princesa e con moitos paxaros na cabeza ata cando exerce de raíña en Versalles no medio de toda a “carracheira”, pouco propensa a ler, mais ben dada aos amoríos e cunha afinidade compartida pola valguesa: a paixón polas xoias.

Xosé Manuel G. Trigo

Xosé Manuel G. Trigo

Nesta viaxe da imaxinación, o autor mestura, como xa se dixo, tempos, historia e fantasía, biografía e ficción. E así transcorre a narración, amalgamando as lembranzas do narrador -semella un verdadeiro alter ego do escritor- con personaxes e acontecementos froito da súa imaxinación. Endalí que na existencia de Carolina atopamos escritores como Marcel Proust, Colette, Valle Inclán, Murguía, Rosalía de Castro e un monllo de personaxes, sobre todo franceses da Belle Époque: Coco Chanel, o presidente Féliz Faure, o político e premio novel da paz Aristide Briand; e tantos acontecementos e recordos que, porén, a peneira de Carolina esquece nunha liquidación minimalista para poder vivir dun xeito feliz o tempo presente.
Novela que racha coas estruturas compositivas tradicionais (presentación- nó-desenlace). Nin sequera a morte de Carolina pode considerarse o desenlace desta novela onde a narración de cada intre convértese para o lector nas teselas estruturais que conforman o relato. Unha escrita cálida, sobordante de colorido, mais non carente de humor e de retranca, envolverá o lector que se interne neste libro, un real e esmerado meiró literario.