Límites á expresión do pensamento

Tratado lóxico-filosófico

Logisch-philosophische Abhandlung

Ludwing J. J. Wittgenstein

Tradución de Xoán Fuentes Castro

Editorial Toxosoutos, Noia, 2014, 231 páxinas.

 

   Non son poucos os tradutores que desde hai abondos anos están a contribuír para que o galego se converta nunha lingua moderna de cultura. Lembro o labor impagable de Rinoceronte Editora, xa cunha manchea de títulos da narrativa universal vertidos á lingua de noso. Ou, por seren máis recentes, a tradución dos Sonetos de Shakespeare que verteu para Xerais Ramón Gutiérrez Izquierdo, o Ulises de Joyce, en tradución para Galaxia dun equipo formado por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle. Tamén A illa misteriosa que nos acaba de chegar en versión de Ánxela Gracián. Cando a reflexión xira verbo das traducións ao galego, no podo esquecer unha tradución colosal: o Fausto de Goethe, na que Lois Tobío investiu vinte e dous anos da súa vida. No entanto, no eido da filosofía o sistema literario galego apenas rexistraba a xa afastada no tempo tradución da conferencia de Heidegger, Vom Wesen der Wahrheit que, co título Da esencia da verdade, apareceu en Galaxia no ano 1956 en tradución de Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega . Ata que neste ano no que andamos, e como edición póstuma, Xoán Fuentes Castro (San Vicente do Grove 1932-2013) enfrontaba a tarefa de verter ao idioma de noso unha obra non doada pola súa densidade e concisión: o Logisch-philosophische Abhandlung (1921) de Ludwig Wittgenstein, e que desde a tradución ao inglés no ano seguinte por C. K. Ogden, será coñecida co título de Tractatus logico-philosophicus.

Ludwig Wittgenstein

Antes de comentar un texto das características do Tratado lóxico-filosófico, coido que cómpre pór en valor a obra de Xoán Fuentes Castro, unha persoa de intensa biografía intelectual: pensador, profesor, viaxeiro, músico, autor de catro pezas de narrativa, e sobre todo tradutor ao galego de textos clásicos (Bucólicas e Eneida) e tamén doutras linguas modernas, francés e alemán nomeadamente. A cultura galega ten sen dúbida unha débeda de recoñecemento con Xoán Fuentes Castro.

Os lectores que gorentan as densas e lacónicas “amavías” de Ludwig Wittgenstein, poden, xa que logo mergullarse nesta edición bilingüe (alemán-galego) do Tratado lóxico-filosófico. A obra recolle o pensamento do que se acostuma chamar o primeiro Wittgenstein, no que se reflicten as influencias do atomismo lóxico de Russell (a linguaxe lóxica como modelo da linguaxe científica), e, a súa vez será fonte de inspiración para os pensadores neopositivistas, ou positivistas lóxicos. Schlick, fundador do Círculo de Viena, salienta o xiro que na filosofía ten a obra de Wittgenstein: “As sendas teñen a súa orixe na lóxica. Leibniz albiscou de xeito confuso o seu principio, G. Frege e B. Russell iniciaron treitos importantes nas últimas décadas, mais o primeiro en avanzar ata o punto de viraxe decisiva foi L. Wittgenstein no seu Tractatus logico-philosophicus.”

   Wittgenstein  redactou o Tractatus, xunto co Diario (1914-1916), en plena campaña da Primeira Guerra Mundial na que participou logo de se alistar  como voluntario do exército austríaco. Acostuma a resumirse o contido do Tractatus na proposición 7 que pon remate a esta obra singular: “Sobre o que non se pode falar, hai que gardar silencio” (páxina 219). Mais esa é soamente a conclusión que procede de centos de proposicións anteriores, tan precisas como lacónicas. Se Kant pretendeu demarcar os límites do pensamento,  a tarefa que asumiu Wittgenstein,  foi a demarcación dos límites da linguaxe. Límites necesarios ao igual que os do pensamento. E tendo en conta a ampla concepción que tiña da lóxica, pensaba que tería de ser precisamente a lóxica a encargada de fixar os devanditos lindes. A linguaxe perde, pois logo, todo o seu valor cando atravesa esa liña de demarcación. Por detrás da mesma só pode darse o silencio.

Xoán Fuentes Castro

O abandono, xa que logo, da metafísica especulativa, o mesmo que en Kant, deixaba á relixión e á metafísica nunha situación comprometida, aínda que Wittgenstein atopa unha solución: as verdades  da relixión e da moral non fican fóra do discurso fáctico, senón dentro do mesmo, se ben misteriosamente privadas das propiedades do devandito discurso. Tendo en conta que a linguaxe e o mundo son isomorfos por posuíren a mesma estrutura lóxica, cómpre construír unha  linguaxe lóxica perfecta para sermos capaces de representar de xeito eficaz e axeitado a realidade. As fronteiras desta linguaxe non poden ir máis alá das do mundo. Endalí que non se poida pretender dicir algo que sexa imposible representalo, como fixo a filosofía tradicional. Nestes casos imponse o silencio.

O Tratado lóxico-folosófico está formado por unha colección de aforismos, expresados con precisión lóxica e unha certa vaguidade poética que lles dan un ton enigmático. Libro pois de difícil comprensión que quere trazar uns límites á expresión do pensamento. Todo iso supuxo un verdadeiro reto para o tradutor que, antes que calquera outra finalidade, quixo ser fiel aos termos empregados por Wittgenstein. Semella entón moi útil a escolma te termos sobre os que xira o cerne do Tractatus e que Xoan Fuentes Castro engade como apéndice final.