Mestría e perspicacia. Modélica novela de iniciación

A viaxe de Gagarin

Agustín Fernández Paz

Edicións Xerais, Vigo, 2014, 278 páxinas

 

  Atravesar as fronteiras das idades, e nalgún caso tamén dos xéneros, é un dos trazos que marcan a obra narrativa de Agustín Fernández Paz. O autor, un dos grandes da narrativa galega de arestora, escribe para todos os públicos. Fíxoo cando publicaba en formato propio da literatura xuvenil e segue a facelo agora nas súas últimas obras: Non hai noite tan longa, O rastro que deixamos e A viaxe de Gagarin, que aparecen editadas nunha colección que semella destinada para a lectura de adultos. Tres obras que teñen en común o feito de seren prosas memorialistas, exercicios creativos que ollan e sondan o pasado para recuperar a memoria. A ese exercicio memorialístico engádese nesta novela unha nova fía que a converte nunha modélica novela de formación, un relato do transcurso da nenez e da adolescencia e iniciación ás aprendizaxes da vida dun home que soamente conta e faino na lindeira dos sesenta anos, acompañando a súa nai que agoniza na cama dun hospital.

Dálle pois voz o autor ao protagonista narrador que, cincuenta anos despois de que Gagarin, cuxo nome compartirá, realizase a súa viaxe orbitando arredor da Terra, recupera a cadea de sucesos que cría esquecidos e que agora emerxen das zonas máis fondas da súa memoria. A viaxe de Gagarin -abril de 1961- e o verán de 1969 cando Armstrong pon o pe na Lúa, compoñen o fulcro temporal da novela e do espazo vital relatado do protagonista. Neses anos e desde o emblemático barrio coruñés de Falperra, o neno/adolescente iníciase nos camiños da vida en anos escuros, treboentos e de intensa represión por parte da ditadura franquista. Con mestría e perspicacia A. Fernández Paz mete o lector na pel do protagonista que recupera os principais fitos da súa vida e unha riola de lembranzas no microcosmos coruñés: os anos de formación no instituto franquista;  a rede de segredos que a familia gardaba e que sería perigoso desvelar; os misteriosos traballos que o pai fai de noite no obradoiro de impresión; as películas e os libros que son o seu lecer; os sucesos que o obrigan a ollar a realidade de xeito diferente cando a Brigada Político Social rexistra a casa e o medo fai acto de presenza na familia; a engrenaxe da represión; a fuxida po pai e a detención da nai que o fan madurecer dun xeito acelerado; a explosiva entrada do amor na súa vida que condicionará o resto da súa existencia. En fin, un intenso percorrido pola vida coa recuperación dos anos da infancia e da adolescencia, que é asemade un rescate das lembranzas daquel remuíño  dos anos sesenta.

Agustín Fernández Paz

 

Son abondosas as homenaxes que o autor efectúa nesta nova entrega narrativa: ao cine, ao pracer la lectura, á literatura… mais cómpre salientar sobre todo a preitesía que estas páxinas lles tributan, máis polas súas obras que polas gabanzas da narración, aos militantes do Partido Comunista, a súa loita clandestina, e á solidariedade que os une naqueles anos de poucas esperanzas e moita represión.

A viaxe de Gagarín conxuga, entón, as marcas denotativas da narrativa do autor: a claridade e a naturalidade lingüística. As grandes teimas no terreo formal de Agustín Fernández Paz non son a frase requintada, ateigada de gordura e lirismo, senón a arquitectura do relato que flúe espontáneo, sen artificios sobexos, e dotado mesmo dunha gran capacidade para engaiolar e conmover o lector. É vestimenta dunha boa novela de aprendizaxe e de rescate da memoria en anos miserentos.

(Texto publicado o día 19 de zuño de 2014 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI do xornal Faro de Vigo)