Paranoias urbanas

Silencio

Fran Alonso

Edicións Xerais, Vigo, 2014, 89 páxinas.

 

   Ve a letra de molde por terceira vez esta novela breve de Fran Alonso, á que me achego co mesmo pracer dos anos 1995 e 2001, datas das súas primeiras edicións que comentei noutro medio impreso. E con gusto  tracexo esta síntese na que amalgamarei ambos os dous comentarios publicados no seu día. Mais este relato ou novela breve de Fran Alonso chega hoxe ás mans lectoras precedido dunha historia editorial que convén lembrar. Silencio, en efecto, foi publicado no ano 1995 pola Editorial Nigra Imaxe na colección “Tusi-Tala” coa que o pequeno selo vigués non quería deixar estiñar o zume doutra anterior da mesma marca editorial: a serie “Relatos dunha hora”, que, como ten acontecido con tantas outras, feneceu, e á que veu ocupar o seu lugar, Tusi-Tala, non lle coubo mellor sorte. Morreu, en efecto, “Tusi Tala” más sen nos deixar esta pequena alfaia literaria, que anos máis tarde, en 2001, con gran sentido da oportunidade reeditou Edicións Xerais, na súa colección de peto. Nesta nova saída á luz, Silencio completábase con outro breve relato “Veciños”, na miña estima unha versión en pequeno da historia de Silencio. Na nova edición, na colección “Fora de xogo”, a editora viguesa eliminou este  relato.

Silencio é un deses incontables froitos do sistema literario galego que por razóns diversas e malia o seu valor e a regalía que produce a súa lectura, quedaron esquecidos na arca da avoa, pero que paga  a pena reeditar porque seguen a ser produtos literarios capaces de ateigar o noso maxín do deleite da fabulación.

Aquel pequeno “miudallo” que foi Silencio, converteuse no anos 1955 nunha confirmación e á vez nun agoiro. Viña, por unha banda,  a revalidar o labor fabulador dun novo creador que xa por aquelas datas acrecentara as reservas da nosa literatura con títulos como Trailer, Premio Blanco Amor de Novela en 1991, ou A lúa do probador (1992). Anos máis tarde, da pluma e da maxia de Fran Alonso saíron novelas como Cemiterio de elefantes (1994), Males de cabeza (2001) ou Ninguén (2011). Ä marxe fican os títulos das obras poéticas do autor e as súas numerosas incursións na literatura infanto-xuvenil e no eido da reportaxe xornalística.

Fran Alonso é un deses narradores singularísimos e innovadores da literatura galega. Mais como as estimanzas subxectivas precisan da confirmación dos feitos, convido ao lector a botarlle unha olladas as páxinas desta “noveleta”, agora revisada, que Fran Alonso nomeou co título Silencio. Un título certamente moi acaído para reflectir o núcleo diexético da narración: o desamparo e abandono abafantes nos que se ve ensumido o protagonista, como se vivise nun mundo gobernado por demencias kafkianas. En Silencio, en efecto Fran Alonso achéganos un pequeno retallo da existencia dun xornalista galego que de súpeto, por cousa dunha represalia, se ve transferido a Madrid. Alí, fechado nun piso de aluger, como o personaxe central da novela Moon Palace de Paul Auster, empeza a convivir cunha rea de veciños estrafalarios. Enmarcado entre o espírito da paz (a música de Madredeus) e o espíritu da fame (as receitas duns gastrónomos  lunáticos), o protagonista séntese atrapado nunha espiral na que o ruído e o absurdo, os ouveos e o desacougo, en definitiva o reino da extravagancia, deixan paso a un silencio compacto e sepulcral, que actuará como música de fondo da hecatombe final.

Descoñezo se foi intención do autor converter este relato na parábola de algo, como tal, da paranoia da actual vida urbana que é manancial, pola súa propia natureza, de verdadeiras greas de seres aluados, xeradores de rituais, a cabalo entre o esperpento e o espanto. Mais tal parece. Certas referencias textuais (á figura do Papá, á dualidade espírito da paz-espírito  da fame) e esa teima recorrente no autor de facer comparecer na súa escrita o reino inclemente da soidade e da incomunicación, que tampouco falta en Silencio, poden encarreirar a lectura do relato por esta senda interpretativa. Silencio reproduce algunhas da claves do macrotexto da literatura de Fran Alonso: unha visión realista da actual sociedade urbana, o abano infinito e polimorfo das súas tolemias, tanto as oficiais como as oficiosas. Mais, tampouco fai falta apuntarse a ningunha marca alegorizante para gorentar este relato. Abonda con deixarse transportar  polos ingredientes do medo e da intriga para que as prosas, deliberadamente concisas, de Fran Alonso teñan sentido e un universo ricaz e enxeñoso  tiren do lector e lle permitan mergullarse con pracer na lectura desta paranoia urbana.