Os últimos agasallos

 

Nimbos: cáliz fervendo !

Cadernos Ramón Piñeiro ( XXIX)

Edicións e introdución de Luís Cochón

Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades

Santiago de Compostela, 2014, 338 páxinas.

   

   Nos primeiros días de maio do ano no que andamos, centenario do nacemento de Xosé María Díaz Castro, saíu do prelo e viu luz o que seguramente é un dos últimos volumes monográficos dedicados ao escritor que este ano celebramos no Día das Letras Galegas. Nimbos: cáliz fervendo!  que lle dá contido ao número XXIX dos Cadernos Ramón Piñeiro. Encárgase da edición deste número Luís Cochón, baixo a coordinación de Luís Alonso Girgado e co colaboración de Laura Mariño Taibo.

   Súmase así o Centro Ramón Piñeiro, “en humilde parte”, á homenaxe que Galicia lle tributou a Xosé María Díaz Castro. Unha homenaxe de recoñecemento e estudo dunha obra poética, Nimbos sobre todo, na que Díaz Castro se converte en antólogo de si mesmo.

   Nimbos: cáliz fervendo! É unha colectánea de achegas diversas escritas por vinte e catro estudosos que lle ofrecen ao lector distintas lecturas arredor do poeta X.M. Díaz Castro e a súa obra, tomando Nimbos como o macrotexto de referencia. Artigos que son lecturas diversas, por veces complementarias, estudos, ensaios, recompilación de lembranzas, feitos da man de críticos, investigadores e mesmo poetas.

   Este número especial dos Cadernos  Ramón Piñeiro estrutura o seu contido en dúas partes. Na primeira parte, Acadio López Casanova ofrécenos unha visión de totalidade do poemario Nimbos. Analiza o profesor da Universitat de València o contexto epocal -adscribe a Díaz Castro á póla poética de signo existencial que se desenvolve ao longo dos anos 1952-1961-  e o deseño macrotextual e construtivo de Nimbos. Pola súa banda, Andrés Torres Queiruga sonda a marca relixiosa do poemario, unha relixiosidade, porén, que non se superpón sobre a vida, senón que nace desde o fondo da mesma.

  

Xosé María Díaz Castro

A Parte II acolle vinte e dous traballos. Estudos de natureza  máis particular e diversa que van desde a glosa da recensión que sobre Nimbos publicou X. M. Álvarez Blázquez en outubro de 1961, asinada por Xosé María Álvarez Cáccamo ata as palabras comentadas, correspondentes a unha entrevista radiofónica que a Díaz Castro lle Xulio Xiz en xuño de 1985 e a outros textos  que o poeta de Guitiriz lle dirixiu en distintas ocasións.

   A seguinte relación de colaboradores que colaboran nesta segunda parte, ademais dos dous xa amentados, dá fe da importancia do volume para termos unha visión máis poliédrica de Nimbos. Son as lecturas, os estudos, reflexións ou recreacións poéticas de  Xosé Luís Axeitos, Alfonso Blanco Torrado, Darío Xohán Cabana, Marica Campo, Xosé Fernández Ferreiro, X. F. Fernández Naval, Manuel Forcadela, X.L. Franco Grande, María Pilar García Negro, Marcial Gondar Portasany, Xosé Miguélez Díaz, Olga Novo, Chus Pato, Segundo L Pérez López, Mercedes Queixas Zas, Mario Regueira, Armando Requeixo, Claudio Rodríguez Fer, Xosé Manuel Salgado e Félix Villares Mouteira.

   Xa que logo, unha homenaxe global e diversificada, quizais a última que este ano se lle ha tributar a Xosé María Díaz Castro.