Xosé Váquez Pintor: a memoria dos días

 

Columnas de papel 2

Xosé Vázquez Pintor

Morgante Edicións, Cangas do Morrazo, 2014, 355 páxinas.

 

   Columnas de papel 2. Na Terramar das Cousas para que a Vida siga 1993-2012 é o segundo, e semella que derradeiro volume co que Morgante Edicións recupera a obra xornalística, os artigos de opinión publicados por Xosé Vázquez Pintor na prensa escrita galega entre os anos 1993 e 2012, aínda que neste caso as fronteiras son permeables e os lectores atoparanse con artigos do ano 1991 e do 2013. Cento setenta e sete artigos, un á semana, “segundo fose a atmosfera da vida, así chovía ou escampaba”, tal como resume X. Vázquez Pintor o seu quefacer xornalístico.

   E se no primeiro volume, publicado no anos 2012, era a lingua o fío que tiraba da meirande parte das prosas xornalísticas, nestas páxinas de arestora “paira a memoria dos días que foron limiar e aviso do que agora hai de certo en desatinos”. Os ollares, andainas e lembranzas dos amigos vivos ou desgraciadamente xa desaparecidos, a “anatomía de pedra” dos edificios, a groria dalgúns acontecementos como os Xogos Olímpicos de Barcelona, a rusticidade das cousas, desde  a vella Underwood á Olivetti, renca xa de catro ou cinco trécolas, os infernos dos belicismos co seu grande aparato de guerras e derivados, a irmandade das nosas vilas, as tardes deportivas, forxas literarias abertas ao corazón do silencio en Piloño, a frescura dalgún programa da TVG,  a lembranza dalgúns libros como esa “biblia dos galegos” que é Sempre en Galiza, o unánime cabreo contra as sentenzas dos nécoras. E ducias e ducias de pequenas prosas que nos mergullan nas minúsculas  e grandes esencias dos días e que hoxe xa son memoria e forman parte de Galicia e do mundo que o autor soñaba e soña.

   O que no seu día escribín verbo do primeiro volume, reflicte tamén o aire, a esencia e o saibo deste segundo: xornalismo de opinión, fondamente alicerzado en raiceiras literarias que malia o seu livián soporte en papel, non o leva o vento, aínda que as súas páxinas viaxen polo aire como as pombas e as aeronaves, convertidas nunha obra aberta onde os avatares da vida, as reivindicacións, as lembranzas e mesmo as banalidades de meses e días avantan ventureiras, coma un relato aberto que segue sendo actual, por mor do seu caracter narrativo e a presenza do humor, a ironía, a retranca ou a queixa na narración da vida.

   O pracer do relato en pequenas doses, por riba de sisudos xuízos e pensamentos, sen renunciar, porén, á denuncia, como tal do belicismo ou das mensaxes represoras dos vellos Seminarios da nosa terra para os rapaces galegofalantes.

Xosé Váquez Pintor

   Xa que logo, prosas que non envellecen, que nos permiten recuperar a memoria dos días e algúns anacos do mundo. E que nos achegan ademais o engado de seren un pracer para os sentidos. Bocados que nos servirán de entrantes mentres agardamos por ese outro fillo literario do autor nado en Melide, a novela Antípodas.