“Maternosofía”: desmitificación da maternidade desde o sentido común

 

Maternosofía

Inma López Silva

Editorial Galaxia, Vigo, 2014, 169 páxinas.

 

   Hai unha ducia de anos que Inma López Silva, daquela flamante ganadora do Premio Xerais de Novela, manifestaba que a literatura galega reclamaba voces novas. Naquel intre -xuño do ano 2002- quen isto escribe, logo de ler o segundo libro da autora, Rosas, corvos e cancións, así como o relato “Caso Torneiro” que tamén leva a súa sinatura, xa apostara pola  narradora de vinte e catro anos, porque nas súas achegas ficcionais  atopaba as marcas dunha narrativa de verdade, capaz de nos enmeigar con historias que apreixan a nosa atención e fan estourar a nosa imaxinación.

   Varios títulos, tanto de narrativa como de ensaio sobre o feito teatral, e outros asentados nas fronteiras xenéricas, fan que a voz nova de Inma López Silva sexa arestora unha voz consolidada, capaz ademais de ofrecernos propostas literarias frescas, innovadoras e moi suxestivas que, abofé, corren polo vieiros dos discursos antitópicos e desacralizadores.

   Como mostra, este libro, Maternosofía, un intento de reflectir desde a propia perspectiva vivencial os temas do embarazo e da maternidade. Concordo coa autora de prólogo, Malós Cabrera, que Maternosofía é a obra máis persoal e íntima de Inma López Silva. En efecto, a autora achéganos dun xeito confesional e valéndose do formato do diario, as súas vivencias e reflexións verbo do seu primeiro embarazo e maternidade. Vivencias íntimas que a autora relata para todos os lectores, sen sentir ningunha caste de candoroso pudor porque, confesa, a maternidade/parternidade é algo moi común que experimenta a meirande parte da xente.

   Relato pois da singular experiencia do que significa a preñez dunha primípara, tanto a nivel físico como psíquico no contexto de difundidas e estendidas posicións e crenzas sobre a mesma e a maternidade – nomedamente sobre o instinto maternal- que teñen moito máis de construcións sociais que de carga instintiva.

Inma López Silva

   Mais se algo cómpre salientar neste libro son as ideas-raíz que con luz propia e ben fundamentadas escintilan á par do relato das vivencias do seu embarazo. O que Inma López Silva chama, sen ter pelos na lingua, desbotar ideas parvas sobre a preñez que parten case que todas do falso paradigma, alicerzado en tópicos moi estendidos, de que a muller non está completamente realizada sen ser nai, e que a esa tarefa ten que dedicar as vinte e catro horas. Ser nai en exclusiva, “full time”, sen facer nada máis. Con moito sentido común, desde un feminismo sobre todo práctico e unha posición progresista, a autora rebate e sente indignación ante a tendencia naturalista de converter as nais en escravas da maternidade: obrigadas a parir con dor, a ser unha nai moi abnegada, á lactancia natural, obsesión fundamentalista do Sistema Sanitario Público -é para a autora unha opción  que a muller pode escoller ou non como dona do seu corpo-,  a ter instinto maternal, do que a embarazada primípara non atopa nin rastro nos seus nove meses de preñez. Porque todo iso non é natureza -a carga instintiva nos seres humanos é mínima-, é algo cultural, froito da redefinición do rol feminino  desde posicións sentimentais herdadas de padróns patriarcais e machisitas que infantilizan a muller preñada e pretenden paralizar a súa actividade cerebral.

   Libro sobre todo lúcido, realista, desmitificador e anti-sublimación da maternidade, moi apropiado para ser lido nomeadamente por mulleres e homes que estrean  maternidade/paternidade. Xa que logo, e para que esas parellas, e sobre todo os suxeitos femininos, poidan contrastar opinións, ata penso que non sería unha iniciativa desacertada que o Servizo Galego de Saúde llelo regalase ás mulleres que empreñan e paren por primeira vez, xunto con esa “espada de Damocles”, O libro de saúde da embarazada, portador dos grandes mitos verbo da maternidade, co que na actualidade as agasallan.