Micro ollada á crítica literaria galega

 

 

 

MICRO ENSAIOS LITERARIOS

      Verbo da crítica literaria galega, recunco nas ideas e teimas de hai ben de anos, arestora sen dúbida recruadas. En xeral, os que escribimos sobre libros practicamos un xénero de opinión cunha finalidade pragmática de orientación do lector. O crítico literario debería empregar bases de delineación literaria, cuxa finalidade é a emisión dun xuízo orientativo profundo  que ilustre o lector das bondades ou maldades dun determinado produto literario. E nesta tarefa coido que estamos á par do que se fai fóra das nosas fronteiras.

   A actual secura de suplementos culturais obriga os comentaristas de libros a botar man doutras ferramentas asentadas na Rede, bitácoras de información literaria -“nichos para minorías” segundo unha recente apreciación- nas que o lector pode atopar, non a lectura obxectiva, senón interpretacións variadas e  diverxentes das obras literarias.

   Subscribo o que hai poucos meses manifestaba o narrador Fernando Aramburu: “merece agradecemento o crítico que fai apetecible as obras valiosas (…), humanizando xenerosamente os seus textos críticos pola vía de expor unha parte da súa condición de lector sensible”. E isto é o que, ao meu ver, pretendemos facer os comentaristas de libros galegos: desde a nosa subxectividade, con fortuna ou en baluto, con logros, feblezas ou “buenismo” lector, con fobias e filias  ou desde a neutralidade, deitamos luz sobre o libro galego. Unha das poucas vías que aínda nos quedan para loitar contra a súa invisibilidade, ao menos dentro do gremio, entre creadores e editores.

 (Texto publicado no semanario Sermos Galiza o día 10 de abril de 2014)