Entretida narración. Terror zombi entre nós

 

Apocalipse Z: O comezo da fin

Manuel Loureiro

Traducción: Tomás González Ahola

Maquetación: Raquel Vila Amado

Capa: Denís Fernández Cabrera

Urco Editora, Santiago de Compostela, 2013, 386 páxinas.

 

   O autor de Apocalipse Z: O comezo da fin é un pontevedrés que escribe en español. A súa novela que acadou na versión orixinal un grande éxito internacional, é o primeiro volume dunha triloxía de literatura apocalíptica e temática zombi.Este best seller, inquire sobre as consecuencias que acontecerían se un día descubrimos que a nosa civilización se está esfarelando por culpa dunha pandemia zombi. Iso é o que lle ocorre  ao protagonista, un avogado pontevedrés que ve alterada a súa vida por un  incidente que acontecera nun arredado país do Cáucaso, ao ser liberado nunha antiga base soviética un virus letal que mata, mais as súas vítimas transfórmanse en mortos viventes. Unha pandemia que chega tamén a Galicia.

   Novela pois de Non Mortos, na que se mestura o xénero de terror con brochadas de thriller, alicerzada  nos tópicos das historias zombis. Mais con certos trazos positivos: narración en primeira persoa, estruturada ao xeito dun blog-diario o que lle outorga ao relato un ton realista. Historia entretida e ao mesmo tempo terrorífica, cun final aberto para facer posible a triloxía. Ritmo, o meu ver desigual: pausado ao comezo pero vertixinoso a medida que se vai desenvolvendo a acción. Un estilo tan gráfico como “gore”, directo e preciso, sen concesións ás ouriverías literarias. Acción, aventura e moito terror zombi tamén entre nós.

(Texto publicado o día 3 de abril de 2014 no Suplemento Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo)