Narrativa apocalíptica e terror zombi

 

Apocalise Z: O comezo da fin

Manuel Loureiro

Tradución: Tomás González Ahola

Corrección: Raquel Vila Amado

Capa: Denís Fernández Cabrera

Urco Editora, Santiago de Compostela, 2013, 386 páxinas.

    Manuel Loureiro (Pontevedra, 1975) é un deses escritores nados en Galicia, mais non un escritor galego, xa que escribe en español. Co seu debut no xénero narrativo, Apocalipsis Z. El principio del fin (2009), acadou un grande éxito internacional, con tradución a diversos idiomas e lectores en todo o mundo. Centos de miles sobre todo na versión dixital. A tradución inglesa de Apocalisis Z, logrou, na categoría de narrativa de horror, un número de vendas superior ás do mesmo Stephen King. Best seller, libro de culto nomeadamente en internet, enceta unha triloxía de literatura apocalíptica e temática zombi, que continúa con Apocalisis Z. Los días oscuros e Apocalipsis Z. La ira de los muertos. Urco Editora achéganos arestora, en tradución ao galego, o primeiro volume da triloxía que se completará proximamente coa edición das outras dúas partes.

   Tracexo a trama desta primeira parte. Apocalipse Z: O comezo da fin alóxase nunha estrutura que imita primeiro un blog e despois un diario que un avogado aínda mozo escribe precisamente en Pontevedra. Neses medios escritos anota os acontecementos que observa nun período temporal que corre desde un 30 de decembro ata mediados do mes de setembro do ano seguinte, que todo indica que é o 2009.A través das súas anotacións en entradas case que diarias, o protagonista, que escribe en primeira persoa, achéganos unha cumprida historia apocalíptica que dá comezo cunha pandemia zombi. O avogado pontevedrés que, logo de quedar viúvo, vive na súa casa na compaña do seu gato, ten noticia de que un grupo de guerrilleiros islámicos asaltaran unha antiga base soviética situada en Daguestán liberando un virus que se propaga de xeito veloz por todo o planeta. A enfermidade mata os contaxiados, mais os mortos resucitan ás poucas horas e arremeten de forma adoecida contras as persoas que atopan co único obxectivo de conseguir alimento a calquera prezo. As medidas que toman as autoridades non abondan para frear a pandemia, xa que os mortos viventes son moi numerosos. O desastre deixa de acontecer ao lonxe, chega a Galicia e acaba por petar nas portas da casa do protagonista. Na procura dun lugar seguro, este atravesa o territorio antes coñecido como Galicia e na compañía dun grupo de xente, foxe fóra da Península cara á salvación ou á prolongación dese inferno apocalíptico.

   Novela de Non Mortos;  a primeira ambientada en España, que se converte nunha xenuína historia apocalíptica, na que se mestura o xénero de terror con pinceladas de thriller, alicerzada nos tópicos das historias de zombis. Mais con certos aspectos positivos, como o feito de que  a narración ten lugar en primeira persoa ao xeito dun blog-diario, o que lle outorga ben de veces un ton realista que se incrementa para o lectorado galego por mor das descricións de  lugares do noso país e tamén pola proximidade de ambientes e persoeiros de todos coñecidos.

Manuel Loureiro

   Historia entretida e ao mesmo tempo terrorífica, cun final aberto para facer coherente a publicación do resto da triloxía. Ritmo, ao meu ver desigual: pausado ao comezo, mais vertixinoso segundo se vai desenvolvendo a acción. Con intres de elevada tensión, como o do recorrido do protagonista e algúns dos seus acompañantes por Vigo, un Vigo morto e devastado, e a incursión no Hospital Meixoeiro. E tamén con certos decaementos da acción, como tal, cara á metade do libro e no seu remate, intres nos que proliferan os tópicos do xénero e a narración perde o frescor orixinal. Un estilo tan gráfico como “gore”, con todo o aparato propio do xénero. Alleo a calquera caste de ourivería literaria, co imperio absoluto dunha forma de escribir directa e sen ningunha concesión aos galanos estilísticos. Un libro atullado de acción, aventura, terror, zombis, que fará que os amantes ou seareiros do xénero disfruten e o pasen mal e que, secasí, sigan lendo.