Contos de amor, loucura e morte
Horacio Quiroga
Tradución: Rodrigo Vizcaíno Bravo
Corrección: Raquel Vila Amado
Capa: Paulo Rico Panceiras
Maquetación: Tomás González Ahola
Urco Editora, Santiago de Compostela, 2013, 294 páxinas.
Horacio Quiroga foi considerado xa durante a súa vida como “o primeiro contista en lingua castelá”. O desprezo co que Borges xulgou a obra de Quiroga reflicte, porén, un dos grandes méritos do escritor como contista: introducir na literatura en español o zume renovador de autores dos que aprendeu a tradición moderna do relato. O volume de Urco Editora permítenos gorentar en galego unha colectánea de dezaoito contos que Quiroga publicara en 1917. O tema da morte está presente na meirande parte dos relatos, se ben en paralelo coa mesma conviven outras
fías temáticas, como a humanización dos animais e a animalización do home que se deixa gobernar por instintos primitivos.
A tolemia e o amor amalgámanse así mesmo, mais coa morte como destino inexorable que actúa como liberación da tensión abafante que vai medrando ao longo dos relatos. Os personaxes destas historias acostuman ser vítimas da hostilidade e da bárbara grandiosidade dos escenarios da selva de Misiones onde Quiroga viviu e almacenou historias, situacións e personaxes.
Pequenas alfaias narrativas que reproducen atmosferas opresivas, entre as que hai pezas mestras que ilustran de xeito convincente unha narrativa breve que retrata algúns dos trazos máis estraños da natureza, tinguindo de enfermidade, sufrimentos e arrepíos para os seres humanos que moran no corazón da selva que é cega, mais sempre xusta nos seus ataques.
(Texto publicado o día 20 de marzo de 2014 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)