Vidal Bolaño, Obras completas, volume III

 

Obras completas, volume III

Roberto Vidal Bolaño

Edición de Francisco Macías e X. M. Fernández Castro

Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2013, 273 páxinas.

    No pasado ano alguén chegou a afirmar que Roberto Vidal Bolaño era un medicamento contra a realidade. Remataron as celebracións do Día das Letras Galegas 2013 que lle dedicou  a Real Academia Galega ao autor quizais máis decisivo na historia do teatro galego de todos os tempos e Vidal Bolaño seguirá sendo ese tratamento radical contra a mesta e vulgar realidade de arestora e do futuro grazas aos seus escritos, as súas Obras completas que, consonte con proxecto orixinal, van saído con regularidade dos prelos de Edicións Positivas.

   Como nos dous volumes xa publicados, a edicións das pezas dramáticas deste terceiro afástase dos criterios cronolóxicos. Son nomeadamente criterios temáticos os que presiden a publicación dos seis volumes programados. En efecto, das seis obras editadas neste volume, as tres primeiras (Sen ir máis lonxe, Caprice de Dieux e Cochos) teñen en común o feito de que nas mesmas predominan os soliloquios e agochan trazos autobiográficos do autor. As outras tres (Bailadela da morte ditosa, Memoria de mortos e ausentes e Laudamuco, señor de ningures) comparten o elo do tempo inconcreto. Son atemporais, de sempre.

   A edición destes seis textos dramáticos é responsabilidade de Francisco Macías (as tres primeiras) e as outras tres, de X. M. Fernández Castro, autor do libro referencial, A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño (2011).

   Sen ir máis lonxe, a peza que enceta o volume, foi estreada polo Teatro de Aquí o 12 de abril de 1999, actuando Vidal Bolaño como director e actor principal. É unha peza na que abrolla sen eufemismos unha forte crítica social que nos chega  a través dunha falsa charla entre un bufón e o Apóstolo Santiago. Os trazos autobiográficos están encarnados na figura do bufón e na peza final están presentes así mesmo moitos elementos da “cultura da impostura” (Montse Pena Presas) e do exercicio da política do momento no que vive o personaxe que dialoga co Apóstolo. Caprice de Dieux, estreada polo Teatro Antroido en 1995 no Liceo de Noia, actuando tamén Vidal Bolaño como principal actor e director, é un axuste de contas cos poderes políticos galegos que o censuraran  despois da representación de Agasallo de sombras. Abonda con ollar o subtítulo (Discurso cívico para actor e bonecos ou fíxoa boa, señor Conselleiro) e o elenco de persoiros da política daquel momento aos que Teatro Antroido “ten o gusto de lle adicar este discurso cívico” para decatármonos da intensidade da carga crítica deste “antollos de desuses”.  Cochos, estreada por Uvegá Teatro en novembro de 1987, amosa as relacións e peripecias dun campesiño  metido a albanel, emigrante en Alemaña, co espazo hostil, “no celme mesmo da negriza” no que está mergullado. Imposibilidade de integrase nunha sociedade que o emprega temporalmente, obrigándoo a regresar a súa aldea natal ata o seguinte verán e negándolle a posibilidade de retornar levando algo de seu: un porquiño de cría. Bailadela da morte ditosa foi representada polo Teatro do Estaribel en 1980 no auditorio de San Domingos. É unha das pezas de Vidal Bolaño na que a morte deixa sentir a súa presenza en formas diversas nos sete cadros da peza que nos achegan sete maneiras de resignarse con ese derradeiro transo, desde a resignación ata o descaro. Memoria de mortos e de ausentes foi estreada en marzo de 1978 en Santiago polo Obradoiro de aprendizaxe teatral Antroido, baixo a dirección do propio dramaturgo. Escrita na súa primeira versión ao ano seguinte do despedimento de Vidal Bolaño da entidade bancaria na que traballaba. Na segunda e definitiva versión inclúe modificacións do espazo escénico. Vidal Bolaño baséase en tradicións populares, contos e poemas de distintos autores galegos e o resultado é unha proposta dramática que presenta unha sorte de “romaxe de ánimas” con presenza da Estadea e da Santa Compaña que teñen un papel central nesta peza.

Roberto Vidal Bolaño

  Finalmente Laudamuco, señor de ningures, peza estreada en maio de 1970 no Colexio La Salle de Santiago. O subtítulo da obra “Pandingada traxicómica do servo e do señor” fala as claras, aínda que de xeito alegórico, da súa intencionalidade de análise das estruturas de poder e dos seus resortes, ollados desde quen os detectan e tamén de quen os sosteñen, ata desaugar nunha visión farsesca, próxima  ao esperpento. O texto de Laudamuco, segundo recente confirmación de Roi Vidal Ponte, fillo do autor, está baseado nalgunhas ideas previas que se lle ocorreron ao dramaturgo mentres facía o servizo militar en Ceuta.

   Outras seis pezas dramáticas a disposición dos lectores galegos, concibidas e paridas polo honesto bufón compostelán. Moi apropiadas para espertar e axitar conciencias neste tempo de impasible conformismo.

   X ateño manifestado que esta non é unha edición crítica das obras de Vidal Bolaño. Os editores manteñen neste terceiro volume os mesmos criterios lingüísticos que xa empregaron nos volumes anteriores: adaptación dos textos á normativa actual, mais con dispares criterios de intervención no campo lexical, respectando sempre as intencións do autor, como tal na escolla á mantenta de castelanismos na procura de verosimilitude.