Xosé María Díaz Castro, unha monografía referencial

 

Xosé María Díaz Castro

Vida e obra

Armando Requeixo

Editorial Galaxia, Vigo, 2013, 196 páxinas.

   

   Esta monografía que asina Armando Requeixo sobre Xosé María Díaz Castro, un clásico moderno da lírica galega, ten o dobre mérito de ser o primeiro estudo completo que ve luz sobre a figura -a vida e a obra- de Díaz Castro. E tamén o de estar escrito pola persoa que mellor coñece o poeta de Guitiriz. Con efecto, Armando Requeixo leva más de vinte anos dedicados á investigación verbo de Díaz Castro e da súa obra. Velaí os seus numerosos estudos sobre o poeta e a Tese de Doutoramento  (“A poesía en galego de Xosé María Díaz Castro: estudo e edición crítica”) defendida o pasado 28 de febreiro na Universidade de Santiago.

   Chega ademais de xeito moi oportuno a monografía  sobre Díaz Castro: nas datas nas que se cumpren os cen anos do nacemento do poeta de Guitiriz e no portal das celebracións do ano de Xosé María Díaz Castro por terlle dedicado a Real Academia Galega o Día das Letras Galegas 2014.

   Como reza un estudo do propio autor publicado no ano 2001, Xosé María Díaz Castro é moito máis que Nimbos.  Moito máis que o poema “Penélope” e o poemario Nimbos, practicamente as únicas referencias que atopamos no Diccionario da Literatura Galega  coordenado por Dolores Vilavedra que, por parte, erra en datas fundamentais da biografía do poeta como é o ano do seu pasamento (non en 1979 senón en 1990). Xa que logo, o libro de A. Requeixo cobre un oco tanto informativo no que fai referencia á biografía de Díaz Castro, como analítico das súas obras, “un continente literario do que aínda queda moito por descubrir”(páxina 127).

   Tracexa Armando Requeixo, na primeira parte da súa monografía, a biografía do poeta. Cunha lingua ricaz e á vez impecable, achéganos os principais socalcos biográficos de Díaz Castro: o nacemento e os primeiros anos (1914-1929); os estudos no Seminario de Mondoñedo (1929-1936), coa introdución do mociño no faladoiro da barbería Pallarego, un verdadeiro viveiro literario onde naceu publicamente Díaz Castro como escritor e tivo lugar a amizade e converxencia poética con Aquilino Iglesia Alvariño; o abandono do Seminario e o ingreso no exército, os anos da Guerra no Grande Hospital de Pontevedra onde serviu como enfermeiro; a docencia como profesor no Colexio León XIII de Vilagarcía de Arousa (1940-1947), anos dos primeiros premios e colaboracións en xornais e cabeceiras literarias (poesía e prosas humorísticas breves); as xeiras por Madrid (1948-1960): tradutor no Ministerio de Gobernación, docente, colaborador da revista Alba, traducións dos premios Nobel nórdicos, matrimonio con María Teresa Zubizarreta; a xestación de Nimbos e o contacto e amizade con persoeiros das letras galegas como Fernández del Riego, Ramón Piñeiro ou Carballo Calero (1961-1983); o regreso definitivo a Galicia e os derradeiros anos en Guitiriz (1983-1990).

   Na segunda parte da monografía ocúpase Armando Requeixo do estudo da obra diazcastriana.  Mantén o autor que, por mor do reducionismo que se fixo de Nimbos, a meirande parte dos textos creados por Díaz Castro permanecen aínda hoxe inéditos. Establece, xa que logo o autor, e con gran rigor, as etapas creativas diazcatrianas. Describe toda a súa obra poética, tanto édita como inédita; analiza outros textos do autor en castelán e noutras linguas non peninsulares, así como a narrativa humorística, traducións, artigos, colaboracións xornalísticas, ensaios breves e traballos lexicográficos..

  

Armando Requeixo

É esta, na miña estima, a parte máis substancial e tamén a máis laboriosa, nomeadamente o estudo temático e estilístico de Nimbos. Verbo da obra inédita chama a atención a afirmación, froito sen dúbida dun escrupuloso labor investigativo, que fai Armando Requeixo de que “a poesía inédita en galego de Díaz Castro representa as tres cuartas partes de todo o que sabemos chegou a escribir nesta lingua” (páxina 159-160). Constatación que fai que agardemos con especial e renovado  interese a edición desa obra inédita, na que o autor desta monografía sen dúbida ha participar.

   Polo de agora, dispomos desta monografía, que avalío sen ningunha indecisión como o estudo referencial verbo de Díaz Castro, no que abeberán non poucos  dos libros que sobre a súa figura e obra se publiquen neste ano.