O ciclo onírico de Lovecraft

 

Contos do Ciclo do Soño

Biblioteca Lovecraft, volume VII

H. P. Lovecraft

Tradución e Introdución de Tomás González Ahola

Revisión: Raquel Vila Amado e David Cortizo Conde

Deseño da capa: Denís Fernández Cabrera

Maquetación: Sacauntos Cooperativa Gráfica

Urco Editora, Santiago de Compostela, 2013, 233 páxinas.

 

   En tradución de Tomás González Ahola, Urco Editora publica o volume VII da Biblioteca Lovecraft, no que se recollen algúns dos relatos de Howard Philips Lovecraft. O autor, Lovecraft  (Providence, 1890-1937) está considerado como o gran innovador da narrativa de terror, á que aportou unha mitoloxía propia vulgarmente coñecida como “Cthulhu Mythos”. A súa obra é estimada como un verdadeiro paradigma do terror cósmico, afastada da temática tradicional do terror sobrenatural, á vez que incorpora elementos de ciencia ficción.  Desenvolveu á perfección a función literaria da narrativa de medo, con acertada sutura de contido e expresión, e na que todos os compoñentes formais están ao servizo do factor terrorífico. Así pois, unha literatura que se xustifica a si mesma, como apuntou Todorov.

   A crítica, como escribe Tomás González  Ahola, autor da tradución e dunha ilustrativa introdución, acostuma seccionar  a coitelo tres grandes bloques da produción literaria do escritor de Providence: as “Historias macabras” (1905-1920); o chamado “Ciclo do Soño” (1920-1927), e en derradeiro lugar, o “Ciclo de Cthulhu” (1925-1935). Esta taxonomía semella ser máis propia “dun profesional do despece” que do estudoso dos feitos literarios. Existe, porén e para alén desa taxonomía parcial e insuficiente, un Lovecraft onírico, o dos relatos en “terras de soños” (“Dreamlands”), nos que Lovecraft recibiu a influencia de Lord Dunsany.

   O volume de Urco Editora recolle doce dos relatos máis significativos do escritor que amosan un forte compoñente onírico, que os achega á literatura fantástica, tal como hoxe en día é entendida.

   Sen pretensións de exhaustividade, xa que algúns dos contos da narrativa onírica lovecraftiana xa foran publicados noutros volumes da Biblioteca Lovecraft, a colectánea que arestora nos ofrece Urco Editora, pretende amosar na lingua de noso ese outro Lovecraft, afastado dos grandes mitos e dos grandes horrores da cripta ou do cosmos. Contos, porén, que non deixan de amosar os medos que a través do mundo dos soños alagan con frecuencia a nosa vida diaria. Son relatos que nos mergullan nesa largacía dimensión alternativa, á que podemos ter entrada mediante os soños, porque Lovecraft coidaba que os soños son portas ou pasaxes para accedermos a unha realidade moito máis complexa e sutil: a das profundas e insondables simas da mente. Con todo esta “terra de soños” está dividida en catro rexións extremas e xustapostas e no medio delas atópase o Inframundo.

  

H. P. Lovecraft

A antoloxia de Urco Editora permítenos ler en galego os seguintes relatos. “Polaris”, “A nave branca”, “Os gatos de Ulthar”, “Celephaïs”, “Ex Oblivione”, “A procura de Iranon”, “Os outros Deuses”, “Hypnos”, “O que trae a Lúa”, “A estraña casa alta na néboa”, “A chave de prata” e “Máis aló das portas da chave de prata”. Relatos que nos achegan á culpa atávica, á memoria racial da nosa civilización, ao mapa do mundo dos soños, á vinganza cósmica contra os perversos, á marabilla do mundo onírico contraposto ao da vixilia, á perda da xuventude e ao deterioro dos seres humanos co correr dos anos, á insignificancia do mundo da vixilia, á necesidade de camiñar por territorios oníricos a lugares irreais, poboados por terrores como a cidade dos mortos. Ou presentan ese triángulo (vida, soño, morte) ao que estamos suxeitos os seres humanos.

   Mundos, xa que logo imaxinados, ateigados de brétemas, pero seguramente os máis humanos dos que describiu o solitario de Providence, posiblemente o maior e mellor escritor do xénero do horror no século XX, tal como afirmou Stephen King.