A modernidade literaria de Camilo Gonsar

 

Relatos completos 1961-1995

Camilo Gonsar

Editorial Galaxia, Vigo, 260 páxinas

(LIBROS DE FONDO)

 

   Por primeira vez e grazas á louvable vontade da Editorial Galaxia de crear as “Bibliotecas de autor”, apareceu reunida hai algún tempo toda a obra narrativa do escritor Camilo Gonsar, falecido en novembro de 2008. Este primeiro volume reúne os relatos do libro Lonxe de nós e dentro (1961), se ben tirados da segunda edición de 1986 que suprime algún conto e engade outros como “Echevarría” e outros brevísimos relatos de moi poucas páxinas. Completan o volume as prosas breves de Arredor do non (1995), xunto con algunhas engádegas posteriores.

   Aínda que alleo a urxencias compulsivas á hora de publicar, a vaidades e ataduras xeracionais, Camilo Gonsar foi un dos grandes anovadores da narrativa galega. Non obstante a súa adscrición por parte da crítica á Nova Narrativa Galega, Camilo Gonsar achegouse á literatura á marxe de grupos literarios, mais cun grande coñecemento das narrativas europeas e americanas máis vangardistas, coas que dialoga intertextualmente a súa propia obra. Porén, os relatos do escritor de Sarria pouco teñen que ver con esa concepción da estética obxectivista que pretende que o obxectivo se constitúa ante o suxeito que se limita a calcar a realidade, rexistrándoa externamente con precisión científica.

   O lector atopará moitas veces, nos relatos deste volume, un narrador que observa e enfoca a acción desde a distancia da terceira persoa, pero nos que o individuo, o suxeito, sempre está presente, encarnado en personaxes que inquiren, procuran e filosofan. Endalí que a obra de Camilo Gonsar poida con xustiza ser cualificada  como a dun filósofo metido a narrador. Un narrador que intenta mergullarse nos misterios da condición humana, botando man deses personaxes peripatéticos e deambuladores, galegos pasmados ou desconcertados en Londres, Madrid ou Nova York. Prosas pois entre a narración e a reflexión.

   A modernidade literaria de Camilo Gonsar, presente nestes relatos, non encheu ningún oco, teima da nosa literatura que el mesmo criticaba en 2002, pero si rachou co ruralismo e o costumismo que a gobernaba ata os anos sesenta. Tamén cun certo realismo máxico á galega, como o de Cunqueiro. O escritor soubo suturar trazos dos contos tradicionais galegos coas novas formas de narrar que daquela se estaban xestando alén das nosas fronteiras. Neste sentido, como afirma o prologuista, o narrador refai e relativiza as estruturas do relatos convencional. Pero faino desde esa liberdade discursiva, que xa salientaron os primeiros analistas da súa obra. O lector, xa que logo, non vai atopar historias e argumentos rechamantes. Ausencia pois de tramas, de gordura narrativa, acoutándose o núcleo argumental a simples impresións ou anécdotas

Camilo Gonsar

nas que practicamente non pasa nada. Como tal, o transcorrer dun día, a contemplación dunhas vacas por un neno galego, unha viaxe nocturna sen destino nas aforas de Londres, perfecta metáfora da complexidade da existencia humana na que non hai sinais nin orientacións.

   E nada pasa nos relatos de C. Gonsar porque os seus personaxes malia a súa cisma peripatética, atópanse case que sempre parados no tempo. Son seres engastados na roda imparable do devir cotián, sen acontecementos extraordinarios ou espectaculares.

   Conéctanse igualmente coa modernidade literaria as arquitecturas que o escritor emprega para erguer estes relatos nos que a trama fica reducida á mínima expresión e nos que non existe unha sucesión de acontecementos, unha sensación de síntese nin os momentos canónicos da contística tradicional, sobre todo desenlaces. Non se afasta, porén, da literatura máis clásica o desexo de claridade estilística, a transparencia narrativa, a prosa precisa e cristalina destes relatos sen ningunha concesión a alardes, afagos e virtuosismos formais.