Lesbos en lingua esplendorosa

 

Para dicir abril

Xosé Vázquez Pintor

Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela, 238 páxinas

(LIBROS DE FONDO)

  

   O autor de Para dicir abril, Xosé Vázquez Pintor foi nomeado no ano 2008 socio de honor da Asociación de Escritores en Lingua Galega, como recoñecemento ao labor desenvolvido na súa ampla traxectoria como escritor todoterreo que aborda a poesía, o ensaio, o teatro e a narrativa. É un recoñecemento formal por parte dos seus colegas que lle fai xustiza a un escritor felizmente rescatado para a nosa escrita, logo de ser “canonicamente” excluído,  hai cerca de vinte  de anos, “de calquera atención ou xuízo valorativo reseñable” por cousa dos seus primeiros libros de poesía social. A reivindicación real chegaralle da man das súas obras posteriores tanto no eido lírico como na prosa cando se decidiu a contrastar esa madeira de gran narrador que leva dentro e que produciu importantes froitos, en especial A memoria do boi, na miña estima, unha das grandes novelas galegas de todos os tempos. A obra de Vázquez Pintor é a  dun activista da lingua que reconstrúe o mundo coa memoria, como acertadamente interpreta a súa produción, a crítica e profesora cubana, Yanelis Velazco Fajardo nunha  tese de doutoramento sobre o escritor de Melide presentada non hai moitos anos na Universidade da Habana.

   Tamén o lévedo da memoria está presente nos xermes da peza narrativa coa que hoxe nos agasalla o escritor, Para dicir abril. Porque hai, sen dúbida, un memorial do amor diferente, do amor entre mulleres, tan deostado dende sempre e cuxa representación literaria atopa en Galicia a invisibilidade e o esquecemento, posiblemente pactados. A afouteza do escritor e a orixinalidade da súa novela consiste, xa que logo, en esquecer os principios culturais dominantes sobre a representación das relacións entre mulleres, achegándonos ao mundo lésbico desde o respecto, a reivindicación e o intimismo dun percorrido vital. Este itinerario acércanos ao mundo que unha nena recupera a través das súas lembranzas. Unha nena que gastaba rizos pero agochaba moitos medos e que pronto tivo consciencia de que vivía nun mundo onde ser muller e lesbiana era unha dobre falta sen recurso. As súas intemperies de infancia desenvólvense entre o cariño protector da nai e o amor alén de toda norma do pai. O corpo pídelle o asasinato dese “meu” que tanto manca, pero faise maior en permanente descuberta e querendo ser ela mesma e sen culpa. Mais deberá facer fronte ás incertezas que están no silencio e ao cansazo das esperas.

   

Xosé Vázquez Pintor

A novela vai esmiuzando en alternancias e nun xogo de intertextualidades os medos da nena muller e as medras dun amor que abrolla con inmensa forza e que se ten que enfrontar ás dificultades do amor entre os/as diferentes. A protagonista busca precisamente esas certezas da diferenza e, como tributo para acadalas, deberá sufrir non poucas catástrofes emocionais e verdadeiras vivencias límite.

   Para dicir abril é sen dúbida unha novela sobre o erotismo diferente, pero está inmensamente afastada de calquera lambetada ou produto xenérico. Riqueza temática, complexidade formal, un perfecto xogo de planos espazo temporais e unha estrutura pautada polos versos de Safo de Lesbos. Pero sobre todo a lingua. A prosa poética de Vázquez Pintor nas páxinas desde libro eleva o galego a unha auténtica e fermosa obra de arte, como poucas veces ten acontecido na nosa escrita. Un léxico exquisito e esplendoroso que recupera vedraños termos lingüísticos -a sabenza das estirpes- e orixinais e atrevidas figuras literarias converten a lectura desta novela nun gozo para os sentidos e nunha incitación para a intelixencia.