Amalgama de historias e personaxes

 

Soberano

Adolfo Caamaño

A Nosa Terra, Vigo, 232 páxinas

(LIBROS DE FONDO)

  

   “Disque os homes non esquecen. Pero antes deberán ter algo que lembrar”. Así, con estas palabras que podemos escolmar para o rexistro das sentencias, pecha Adolfo Caamaño a última páxina de Soberano, a novela coa que debutou no xénero narrativo. Unha moi interesante proposta narrativa que unha vez máis, como está acontecendo xa desde hai tempo, nos achega ás contornas memorialistas. O xurdir das lembranzas, dun espazo  -a vila de Bouza como epicentro de todo un pais- e dun tempo que, aínda sen definir, fan o repaso dunha boa parte da historia do século XX. Con dous marcadores existenciais: a vida e a morte, xa que a ambos os dous  atopará o lector nesta novela que non só é unha promesa, senón unha excelente realidade narrativa xa consolidada. En especial, no plano formal porque a radiografía de A. Caamaño, máis que beirear abismos, como algún crítico ten sinalado, mergúllase de cheo nas correntes máis innovadoras da narrativa contemporánea: a novela de estructura aberta na que se acumulan personaxes e historias que se espallan coma o aceite. Ducias de historias ramificadas, complexas, que fan do texto unha novela río ou unha novela árbore, como quería Borges: os demiúrgos e os deuses optarán polo infinito, infinitas historias, infinitamente ramificadas.

   Por iso saudamos con pracer, como fixen no seu día, o texto de Adolfo  Caamaño. Porque asume o risco de innovación sobre todo no plano estructural e porque ademais nos fai gorentar a forza da narratividade.

   O narrador pon en marcha o seu exercicio memorialístico a partir dun intre moi especial: o acidente dun camión cargado  de botellas de coñac Soberano, que cae por un barranco. Alí, atrapado na gaiola da cabina, estaba el, Francisco Cons, ex cabaleiro lexionario que confunde o bourazo que viña de recibir, cun golpe lexionario. En momentos tan delicados venlle á cabeza un tramallo de cavilacións que lle obrigan a facer un repaso de historias pretéritas. Comeza entón a ganduxarse o tecido novelesco composto de secuencias soltas e dunha verdadeira galería polícroma de personaxes, na súa meirande parte paralizados por doenzas vitais.

   Así, desde a perspectiva dunha pequena vila galega, ollamos unha boa parte da historia do pasado século, desde as guerras de África ata os anos oitenta, con especial fincapé no retrato irónico e esperpéntico dos últimos días do franquismo. Presenciaremos desde a ficción o andazo da meninxite que se declara na bisbarra da Arousa e campará despois en Bouza; as comitivas de Franco que pasa rápido como sempre (“non así o franquismo” escribe con enxeño o autor) o Plan Marshall, que non chega a España, pero si a súa “leite de burra”. Un tempo no que se ataban os embigos dos recen nacidos con cordeis dos chourizos e chegan os primeiros electrodomésticos, os primeiros bañadores que fan posible que a rapazada da vila poida axexar un mundo novo ateigado de erotismo.

  

Adolfo Caamaño

Un tempo que orixina ducias de secuencias ficionais protagonizadas por unha chea de personaxes: don Amancio, o mestre castelanista propalador da diglosia entre os seus escolantes que actúan como fío conductor e unificador de boa parte do relato; Perico e Canelas, entre os que nunca foi a cousa ben, malia compartir a mesma femia; Raimundo, o fillo do carniceiro que é Ray Meat no mundo do puxilato; Mariola que traballa de pajillera nas Palmeiras de Pontevedra con tres prezos para os palleados, segundo fose o producto escollido.

   Unha nómina interminábel de figurantes e de peripecias vitais que o escritor olla desde un afastamento irónico e que dan lugar a un retrato lúcido e amábel duns anos cruciais, ganduxado cunha clara vontade de estilo que sutura a fluidez e certas chiscadelas de preciosismo, que fan xa de Adolfo Caamaño  un soberano da palabra, para lle devolver a dedicatoria.