García-Sabell e a fenomenoloxía

 

Domingo García-Sabell e a fenomenoloxía

Ramón López Vázquez

Centro Ramón Piñeiro, Santiago de Compostela, 2013, 375 páxinas.

 

   Domingo García-Sabell (Santiago, 1908 – A Coruña, 2003) foi e segue a ser unha das figuras máis controvertidas da cultura e da realidade galegas na segunda metade do pasado século. Ensaísta, crítico literario e médico humanista, compaxinou o seu labor cultural con cargos de notoria responsabilidade política: senador real durante o período constituinte, Presidente la Real Academia Galega (1977-1997), cargo vitalicio que compatibilizou  co de Delegado do Goberno en Galicia (1981-1996) e ao que renunciou debido ás presións de moitos escritores galegos que lle censuraron desempeñar simultaneamente ambos os dous cargos, sobre todo cando o Goberno central impugnou o Decreto do Goberno galego sobre o dereito e o deber dos galegos de coñecer e usar o galego. Galego universal para os seus partidarios, “o supremo doutor compostelán” (Otero Pedrayo); un home que sempre falou desde o poder, un gran dogmático que berra contra quen non profesa a transcendencia mistérica, a conxunción heideggeriana do irracionalismo e unha potencia ontolóxica; inimigo así mesmo do nacionalismo revolucionario que defende a liberacións dos pobos.

   Un personaxe ancorado entre augas tan contraditorias, ben merecía unha ampla monografía que procurase achegarnos unha visión, un relato sistémico dese lector e escritor a mancheas e multimillonario en cargos variados, tamén en críticas e loanzas. Ese ensaio que analiza polo miúdo a personalidade e o pensamento de García-Sabell chéganos arestora da man de Ramón López Vázquez, o profesor de filosofía compostelán que prosegue coa súa aposta por rescatar os nomes esquecidos da historia do pensamento galego, como tal, o do krausista galego Juan Sieiro González ou o do intelectual nado en Vilardebós, Eloy Luís André.

   O propósito desta extensa monografía que asina Ramón López Vázquez, non é chorar nin desprezar, senón entender e comprender, esmiuzar nun relato sistémico, como xa quedou anotado, centrado en clarexar o sentido que a expresión ser-no-mundo terá na vida e na obra de Domingo García Sabell.

   O volume, logo dunha ampla Introdución, estrutúrase en dúas partes. A primeira analiza de xeito reflexivo a obra teórica do doutor compostelán, tomando como punto de partida a biografía de García-Sabell, dando por suposto o dictum existencialista de que o primeiro e orixinario é existir; a seguir, a análise do seu talante, a fenomenoloxía como horizonte hermenéutico pois a descrición fenomenolóxica é a ferramenta preferida por García-Sabell; estudo así mesmo do europeísmo do intelectual compostelán con Heidegger como “o compás para discriminar a cultura europea que convén imitar en Galicia” (páxina 149).

  

Ramón López Vázquez

A segunda parte do volume pretende ser un mapa iconográfico desde a ollada de Domingo García-Sabell. O “homo gallaicus”, constituído  sobre todo polos labradores e mariñeiros, e a súa par a presenza de Europa en Galicia; a arte galega, centrando a análise en figuras como Luís Seoane e na pintura como a forma que de xeito máis fiel asumiu as pautas do pensamento fenomenolóxico. Un percorrido pola lectura que García-Sabell fixo de autores e obras (Otero Pedrayo, Rosalía, Cunqueiro, Manuel Antonio) pon cabo a esta obra, sen dúbida miscelánea, aínda que suturada polo “cemento unitivo” da filosofía.

   Un libro seguramente polémico, malia que o autor quere fuxir á mantenta de censuras e loanzas, mais que non contentará e nunca lerán os que no acreditan no misterio nin na transcendencia e os que en Domingo García-Sabell albiscan unicamente bagatelas heideggerianas, poperianas e integrismo neoliberal.