A música das esferas”, un ensaio xenuino

 

A música das esferas

Xenealoxía da orde do mundo

Carlos Lema

Euseino? Editores, Vigo, 2013, 276 páxinas.

 

   Nas miñas mans, un libro de ensaio, unha publicación xenuína do xénero ensaístico do que tan deficitaria é a cultura galega. Segue a ser verdade o que Ramiro Fonte escribía en xaneiro do ano 1994: “No contexto da literatura galega…os momentos de maior esplendor literario acostuman coincidir con aqueles nos que os escritores souberon desdobrarse en pensadores.” E de pensadores é do que é deficitaria a ensaística galega. Una salientable excepción é este libro de Carlos Lema: un libro de investigación, froito do afervoamento indagador do escritor e editor, pero que non se contenta con iso, con rebaixar, estruturar ou clarificar o que outros dixeron, senón que se arrisca con verdadeira esencia do ensaio: pensar, propoñer enunciados singulares e clarificadores, alicerzados na ilustración crítica. Por iso mesmo, esta monografía non é, abofé, ningunha lambetada. Ten máis de croio duro, como nestas datas lembraba Armando Requeixo, en cita oportuna de Xosé María Díaz Castro, que de peperetada ensaística.

   Carlos Lema, que nos últimos tempos esta a ser un dos poucos ensaístas galegos que se arrisca de veras coa tarefa de pensar, deita arestora o seu pulo investigador verbo dun tema que desde sempre preocupou ao “homo sapiens sapiens”: a xenealoxía da orde no mundo, subtítulo de A música das esferas, rótulo que fai indubidable referencia á teoría pitagórica da harmonía das esferas, baseada na crenza pitagórica de que o universo está gobernado segundo proporcións numéricas harmoniosas, e que o movemento dos corpos celestes rexese  por proporcións musicais. E digo crenza porque a astronomía pitagórica era moito máis especulativa que esteada en razón científicas.

   Son asemade de tipo especulativo as primeiras ideas, constructos ou conxecturas dos primixenios  modelos cosmogónicos, xurdidos nas primeiras civilizacións logo dun proceso de adaptación ao réxime sedentario (India, Mesopotamia, Exipto, Pobos nórdicos…), mais como acertadamente escribe Carlos Lema antes de Homero “poida que soamente se compuxesen  teogonías”. Foi en Tracia onde, a partir da idea de xenealoxía aplicada ao mito, se establece no mundo unha primeira idea de orde.

   Expresar por medio da  xenealoxía dese Todo ordenado, desde a antigüidade grega ata a modernidade, é o propósito desde libro. Xa que logo, unha mirada atrás que se detén en primeiro lugar no pensamento grego que engade algo novo á concepción da orde no mundo: é unha orde que non depende do azar, nin dos astros, nin da vontade dos deuses, senón que dimana do cumprimento dun λόγος, unha razón ou lei natural cuxo orixe é froito dunha νοϋς. En dentro do pensamento grego, en primeiro lugar, no pitagorismo, en Platón (un mundo concibido como cosmos cun τέλος), na redefinición neoplatónica asimilada polo cristianismo, da man sobre todo de Agostiño de Hipona, que cristianiza o platonismo pondo o inteligible do lado de Deus e deixando “o inconsistente sensible e mundano afastado desa consistencia” (páxina 138).Así pois, a orde do mundo é unha perfección froito da subordinación do creado ao Creador.

  Sen se  deter en Tomás de Aquino para quen a orde do mundo é unha “via” para a demostracións da existencia de Deus, o ensaio achéganos ao pensamento cartesiano e

Carlos Lema

á Filosofía da Idade Moderna, cunha clara secularización da orde (“o demiurgo acaba por ser o propio home, ou mellor, o ego da reflexión”, páxina 177). Unha inversión de crenzas na que o alén transcendente será substituído por un aquén inmanente, continuará na Revolución Francesa e a orde do mundo prosegue a ser establecida mediante leis universais e determinísticas.

   Un estimulante e profundo percorrido, exposto mediante una análise rigorosa, sobre un tema, a orde aplicada ao mundo, que  a racionalidade científica moderna traduce en leis. Con todo, e o que segue podería ser entendido como unha incitación para o ensaísta, cómpre non esquecer as reformulacións do pensamento complexo que postula, fronte ao paradigma da simplificación da ciencia clásica, o paradigma da complexidade, un de cuxos principios é o do papel imprescindible da desorganización. Como escribiu no seu día Heinz von Foerster, parodiando a coñecida frase de Schrödinger, o mundo, e sobre todo os sistemas autoorganizados non soamente se nutren de orde. No seu menú tamén se atopa o ruído  (“order from noise”). Se a “order from order” equivale á mecanicidade, “order from noise” é  a gran novidade da capacidade creativa, a auto-organización. Hoxe sabemos, fronte ao determinismo co que  a ciencia clásica definiu o mundo  que o “alea” está presente tanto a nivel macrofísico como microfísico.

   Este superficial apuntamento / insinuación non empece a investigación impecable de Carlos Lema que engade esta monografía ás poucas achegas serias e penetrantes que no sistema literario galego profundan na verdade novidosa do pensar.