Orixinal e innovador. Distópicos, postapocalípticos

 

O bosque é grande e profundo

Manuel Darriba

Edicións Xerais, Vigo, 2013, 141 páxinas.

 

Como dicía Stendahl, a literatura é poñer o espello á beira do camiño. Os temas máis recorrentes da miña obra son a idea de sociedade, incomunicación, do azar…”. Estas palabras coas que Manuel Darriba caracterizaba a súa literatura hai unha ducia de anos, delimitan non poucos aspectos, sobre todo técnicos da súa máis recente achega no eido narrativo: O bosque é grande e profundo, unha novela de relatos, incrustada de cheo nos mundos utópicos, apocalípticos e postapocalípticos.

   O xénero apocalíptico é un fenómeno literario propio das épocas de crise que olla nomeadamente ao futuro xa que tanto o presente como o pasado só ofrecen desconfianza. Endalí a relación entre as utopías -sobre todo as distópicas- e a apocalipse.As  sociedades distópicas son escenarios onde se desenvolve a historia máis negativa.

   Na infinidade a utopía e nos temas postapocalípticos insírese esta novela de dous relatos de M. Darriba. O primeiro deles achéganos a un misterioso viaxeiro que vén da Cidade fuxindo da noite e da guerra. Profunda  no bosque e o relato segue os seus andares nun espazo sen nome que semella  doutros tempos históricos e onde habitan seres humanos con oficios e relacións persoais de épocas pretéritas. No canto do fogar que procura, o viaxeiro atopa seres deshumanizados, ambientes desolados, un mundo frío.          A narración do segundo relato acércanos á Cidade onde observamos outra forma de supervivencia, esta vez apocalíptica: unha cativa e a súa profesora sobreviven aos estragos da guerra refuxiadas nun soto. Fóra, unha dantesca paisaxe bélica.

   Dúas historias brutais, ateigadas de profundas cargas simbólicas. Dous relatos concisos, lacónicos, espidos de

Manuel Darriba

calquera artificio. Parágrafos curtos, tallantes, oracións asindéticas. Como xa se sinalou, M. Darriba pon o espello á beira do camiño e observa, reflectindo trazos, accións e diálogos dos seus personaxes, cunha radical economía de recursos lingüísticos. Semella que o seu interese é reproducir estes dous ambientes hostís e, deste xeito, xorde nítida a relación do ser humano co medio, neste caso coa desolación e a devastación por el mesmo provocadas. Un fecundo aproveitamento, xa que logo, da técnica obxectivista e do recurso ao minimalismo que converten esta novela breve nunha obra orixinal e innovadora.

(Texto publicado o día 5 de decembro de 2013 no suplemento Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo)