Náufragos do mar e da vida

 

Acordes náufragos

Antón Riveiro Coello

Editorial Galaxia, Vigo, 2013, 138 páxinas.

 

   Nove relatos, escritos en diferentes épocas da súa vida e espallados en diversas publicacións, recollidos neste pequeno volume que está suturado polo feito de que todos eles coinciden no tema fantástico, na traxedia dos naufraxios no mar ou en terra e tamén no tema amoroso. Así presenta Antón Riveiro Coello esta súa escolma de relatos que Galaxia publica baixo o título de Acordes náufragos.

   O tempo non pasa en van e tampouco as aprendizaxes. Transcorreron  dezaseis anos desde aquela historia de Chicho Antela, o personaxe limiao que en Cuba traballou duro na ceifa e pastoreou putas, pero á que, na miña estima, lle faltaba alma. Nese intervalo, Antón Riveiro Coello converteuse nun excelente contador de historias, sobre todo en formato longo, como o acreditan títulos como As rulas de Bakunin (ano 2000) ou Laura no deserto (ano 2011), entre outros. Mais tamén nas pequenas creacións literarias A. Riveriro Coello demostra que domina o oficio das distancias medianas ou curtas, porque os seus relatos sobordan vida e sobre todo tensión narrativa.

   O relato que enceta a escolma, “A canción de Sálvora”, sen dúbida o de máis extensión e entidade, é unha mestura do fantástico e marabilloso co amor e ingredientes históricos. O relato alicérzase nunha perfecta confusión de soño e realidade. Os veciños de Sálvora teñen versións diferentes sobre a desaparición do mariñeiro Xoán, mais en realidade, el que loitou contra as ondas na recuperación dos corpos afogados do afundimento do vapor Santa Isabel, fora na procura da muller amada /soñada, Nereida Fersen. Un relato pois sobre a forza, a densidade dos soños. Soños pasionais, soños tráxicos e maléficos, ateigados de pesadelos, que, porén, se converten en ventureiros e desaugan nas marabillas dun amor náufrago.  

   A arquitectura compositiva de Acordes náufragos érguese ademais sobre outros oito contos de desigual extensión, algún deles mesmo despregado nas distancias curtas, e tinguidos case que todos eles por eses acordes máxicos e románticos ao que nos remite o título. Así, o segundo relato, “Pirrula ou un punto no ceo” que nos achega á historia de Pirrula, nome de paporroibo, moza enmeigada que levita cos sorrisos . O seu tocar o acordeón de xeito engaiolante  e a  súa fermosura, unha chamada ao pecado, fan que un portugués se namore dela. No desenlace, o amor convértese en cobiza e o sorriso elevador de Pirrula muda nunha gargallada e nun puntiño no ceo. “O caderno de Alicia”, a terceira historia deste volume, preséntanos o personaxe de Alicia, unha rapaza aprendiz de escritora que soña que conquista o branco do papel dos cadernos que lle regalara Valle Inclán. Namorada dun rapaz ferrapento, personaxe do escritor, consigue corrixir o seu pasado e tamén o futuro ao que a pluma de don Ramón o tiña predestinado. Un relato, xa que logo, que cuestiona a independencia dos personaxes literarios con relacións aos seus creadores.

   Na seguinte historia Riveiro Coello explora as súas habilidades no microrrelato, nun “testículo” que diría Cortazar. Un relato elaborado con minuciosa ourivería, de recompensa inmediata, no que un vello limiao segue remando na súa barca lañada, entre as brétemas do delirio,  por aquel noso mar interior que fora a lagoa, hoxe desecada e malbaratada. “O nome no espello”, un relato que o autor nos achega en varias secuencias, aproxima o lector á historia dun ser aluado, aos seus soños imposibles, capaces, con todo, de recrear coa súa sombra insurrecta e delirante o mito de Ícaro. “O náufrago irlandés” enchoupa a escrita nas mesmas coordenadas de fantasía e realidade: a historia desvariada dun náufrago irlandés que o mar trae ata Rianxo, onde abrollan hipóteses lendarias sobre a súa orixe, ata  que un día desaparece amarrado a un anaco de madeira branca. No relato “As memorias do río”, o escritor retoma o tema mítico limiao, a lenda milenaria do río do esquecemento, ese “río que apaña memorias” (páxina 117)  e a súa meilagreira ou maléfica ponte de pedra para quen a cruza. “Triste ledicia”, outra historia moi breve, é ao meu

Antón Riveiro Coello

ver, o de menos sustancia diexética: unha historia que se centra na forza compulsiva da ledicia que mata á avoa do protagonista nun ataque de risa. Pon cabo a escolma o relato “Branca Manigua, outro conto co protagonismo feroz das augas da treboada e do mar, incapaces, porén, de rachar os amores eternos e tráxicos da santeira cubana e o seu home, que amenizaba coa súa música os agoiros que profetizaba a súa muller.

   Relatos, xa que logo, que abalan entre o fantástico-marabilloso e a realidade, alicerzados algúns deles en acontecementos históricos. Ganduxados cunha lingua, á vez popular e exquisita, moi saborosa, porque está ateigada de imaxes e texturas de gran potencia, que cobran vida na imaxinación do escritor que con semellante acuidade sabe transmitirnos os naufraxios do mar e aqueloutros da vida, igualmente procelosos.