Unha voz literaria pra contar a represión stalinista

 

Un día na vida de Iván Denísovich

Aleksandr Solzhenitsyn

Tradución de Martin Andor

Rinoceronte Editora, Cangas do Morrazo, 2013, 166 páxinas.

    Hai dúas liñas na narrativa soviética do pasado século que tiveron unha vida difícil a partir da revolución e durante o réxime stalinista sobre todo. Unha delas é a do humor satírico verbo da vida cotiá do pobo ruso. Na outra lina, moito máis radical, atópanse os disidentes políticos propiamente ditos. O caso máis rechamante é o de Aleksandr Isáyvich Solzhenitsyn (1918-2008). Profesor de física, participou na Segunda Guerra Mundial e, malia ser condecorado, foi condenado, por criticar a Stalin e por actividades antisoviéticas, a once anos  nos campos de traballos forzados e outros de confinamentos ou ao desterro, ata 1957, ano no que se lle permitiu volver ao ensino. Desde entón loitou contra a represión stalinista e converteuse no máis destacado disidente da Unión Soviética. En 1962, tras unha espera de tres anos e co autorización persoal de Nikita Kruschev, aparece publicado Odin den Ivana Denísovicha, arestora traducido finalmente ao galego por Martin Andor para Rinoceronte Editora.

   Unha  novela tremendamente  verosimil  xa que xorde da experiencia persoal do autor. Causou unha grande impresión ao descubrir de xeito sinxelo e tanxible a desesperante cotianidade  dun tempo e dun lugar no que a brutalidade está á orde do día. Solzhnitsyn publicou posteriormente relatos breves e novelas de formato longo como A casa da matrona, Pabellón de cancro, Agosto do catorce ou ensaios como Arquipélago Gulag. Premio Nobel de Literatura en 1970, adoptou no exilio a cidadanía norteamericana e desde Estados Unidos incitou o seu novo país a atacar ao da súa orixe.

   A novela narra, polo miúdo, un día “case feliz” do protagonista Iván Denísovich Shúkhov, un zenk (interno nun campo penal). Un día, desde a diana á retrata, como os tres mil seiscentos cincuenta da súa condena. O día da condena de  Shíkhov que Solzhenitsyn  decide narrar, é un día como outro calquera, que dá comezo ás cinco da mañá e remata ás dez da noite, tras incontables rexistros dos prisioneiros, co frío siberiano -menos de 27º C marca o termómetro esa mañá e só cando acadaba os 41º C  non os mandaban a traballar-, enfrontándose á enfermidade, ao traballo, ao cansazo, á fame, ás absurdas normas do campo. Iván é expelido, ten experiencia, sabe como moverse, non descoñece a marxe que  ten un interno para que o día transcorra  sen ningunha sombra, case feliz. Asemade, ten claros os lindes que non ousará traspasar: a deslealdade, a corrupción, a mendicidade.

   A grande virtude da novela de Aleksandar Solzhenistsyn consiste sobre todo na súa capacidade de dotar de entidade literaria as espantosas condicións de vida e as vexacións que describirá máis tarde en Arquipélago Gulag. Inmortalizou así o escritor ruso en forma de novela o drama da represión stalinista sobre millóns de seres humanos; perennidade  que o lector pode estender a todas as formas de represión e de asoballamento da dignidade humana en campos de castigo, arma preferida das  ditaduras de todos os tempos e mesmo de gobernos de certos estados que alardean  de seren democráticos.

   O  autor procura a verosemellanza   e para iso emprega un narrador en terceira persoa que describe a xornada do protagonista fuxindo das valoracións. Con todo, os distintos personaxes cuxos diálogos son reproducidos, dan fe das absurdas e crueis condicións nas que se vive no campo. Xa que logo, Solzhenitsyn  é fiel ás propostas do realismo socialista de ofrecer unha imaxe fiel da realidade. Endalí que, consonte con ese compromiso persoal, a novela revela sen valoralos, como xa se sinalou, aspectos estarrecedores do sistema de represión cos disidentes. Un estilo directo, coloquial, vivo e próximo ao lector, que de contado sente empatía polo que está lendo, e unha estrutura lineal permiten que esta obra acadase unha gran difusión, converténdose mesmo nun bestseller , un verdadeiro “pedestal”, como acostumaba dicir o propio narrador. Desde agora tamén a podemos gorentar en galego grazas a Rinoceronte Editora.

Aleksandr Solzhenitsyn