“O solpor da cupletista”: a liberdade arrogante

 

O solpor da cupletista

María Xosé Queizán

Edicións Xerais, Vigo, 2013, 115 páxinas.

 

   Ningún rótulo máis apropiado para dar razón deste libro misceláneo que María Xosé Queizán nos ofrece sobre Carolina Otero -a Carolina Otero ficcionada e aqueloutra convertida en biografía- que o que o comentarista extracta do ensaio biográfico que a autora lle engade  a esta edición dun libro que carreta consigo unha interesante historia editorial. Editado por primeira vez en 1995 por Edicións Nigra na colección  “Relatos dunha hora”, no ano 1998 reeditouno Edicións Xerais de Galicia en edición non venal, un libro agasallo, un luxo sensual, co que a Editora viguesa contribuíu  á homenaxe que a AELG e outras institucións lle tributaron a María Xosé Queizán.

   Aparece arestora en edición venal: a novela curta coa que hai cerca de dúas décadas nos agasallou a autora e un amplo ensaio (Carolina Otero, a liberdade arrogante) no que María Xosé Queizán reconstrúe as paisaxes e algunhas das coordenadas vitais da Bela Otero e que nos descobren o verdadeiro rostro daquela nena esmoleira, e seguramente ágrafa, nada en Valga.

   O solpor da cupletista, a novela breve que ocupa pouco máis da terceira parte do volume, é unha primorosa creación da literatura de noso, un verdadeiro pródomo que demanda o milagre  do bocado principal, esa edición ao alcance de todos que hoxe finalmente está ao noso dispor. O relato de María Xosé Queizán cheira en cada liña á  Belle Époque, recende a Carolina Otero, e o lector terá o convencemento de que o que se nos narra, non é outra cousa que un retallo da vida da xeitosa danzarina nada en Valga. Mais non son estas prosas de María Xosé Queizán  a biografía de A Bela Otero, senón unha fabulación con todos os trazos e marcas das leis da creación artística. O resultado: os aromas da evocación dunha vida desde o tempo actual, o presente do solpor e do eclipse existencial, retrocedendo porén a autora ata infancia da cativa, tan fermosa como pobre.

   Á par, os recendos e fragrancias da copiña de Marie Brizarde, a cerimonia de achegar aos beizos a boquilla de platino cos Gauloises. E nos parámetros das lembranzas, toda unha existencia, a recompilación

María Xosé Queizán

dunha vida de gloria e fastosidade, tamén de miseria, da figura dunha real femia, dito pola feminista María Xosé Queizán. Un corpo, un corpo psicalítico que entolecerá a medio mundo, mais a través da luz crepuscular do solpor apenas se filtraba un vestixio.

   Un relato esteado nun argumento sinxelo, mais adubado co elementalidade das cousas máis fermosas. Equilibrado, moi lineal, aínda que seguindo as fías dese xogo lineal que, coas lembranzas, é capaz de argallar o cerne da nosa memoria.

   Como xa quedou dito, esta edición completase cun suxestivo ensaio, fermosamente ilustrado, no que autora, seguindo o ronsel dos anos de madureza e vellez en Francia, reconstrúe  as andainas dunha das mulleres máis famosas da Belle Époque.