A Trabe de Ouro, 93

 

A Trabe de Ouro

Publicación Galega de Pensamento Crítico

Dirección: X. L. Méndez Ferrín

Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela, 2013, 142 páxinas.

    Vén sendo nos últimos vinte e cinco anos o gran referente do pensamento crítico en Galicia. Refírome á revista A Trabe de Ouro, cuxa última entrega, o número 93, corresponde aos meses de xaneiro-marzo do presente ano. Saíu dos prelos de Sotelo Blanco Edicións no pasado mes de xuño. A Publicación Galega de Pensamento Crítico que desde a súa fundación dirixe X. L. Méndez Ferrín, acode a cita co seu lectorado co mesmo espírito maledicente e revoltoso das entregas anteriores: rebelde contra os ditados fácticos do planetario dominio neoliberal. Mais unha rebeldía que sempre vai da man da rigorosa información, esteada na reflexión e na documentación.

   Logo dunha cumpridas planas editoriais que, baixo o título, “Saúde: ¿dereito ou negocio?”, nos achega una reflexión sobre o horizonte privatizador e a forma errática e inxusta pola que se encamiña a sanidade galega,  a revista nutre as súas habituais seccións (Cuestions, Acoutacións, Textos, Publicacións e Crónica) con traballos de fondo calado.

   Así a rigorosa investigación de Antón Figueroa (“Sobre Margot Sponer”) verbo da personalidade da filóloga alemá Margot Sponer, “unha figura científica de notable importancia para a historia da ciencia filolóxica galega”, que no ano 1935 defendeu unha tese de doutoramento “Altgalizische Urkunden” (“Documentos do galego antigo”); seguramente a primeira tese de doutoramento sobre a lingua de noso. Antón Figueroa infórmanos dos estudos da filóloga alemá, das súas viaxes a Galicia e de que, na súa condición de docente da Universidade de Berlín, na que ensinaba español, recibiu a visita de galegos como Felipe Fernández Armensto, Luís Tobío e Vicente Rico. A profesora Sponer, unha antinazi convencida e imbuída dunha grande integridade moral, loitou contra o nazismo alemá, feito que lle custaría a vida na primavera de 1945. O traballo do profesor Figueroa non só rescata do esquecemento a personalidade dunha muller que, en anos convulsos, estudou o galego no centro de Europa, senón que lle rende o merecido tributo á memoria da hispanista e galeguista alemá.

   Emilio González Fernández asina un traballo “«Míreme ben…Báixese ben». Do enfermo como «autor» ao médico como «crítico literario»”. Un estudo de campo sobre o poder da mirada médica para o campesiñado galego, que dá razón de toda unha cosmovisión verbo do labor do médico na sociedade galega. Un traballo sobre a orixe e significado ideolóxico da globalización e o imperialismo cultural da man de Iván Olmos Ferreiro, é unha oportuna acoutación que nos ofrece este número de A Trabe de Ouro.

   Saliento pola súa importancia a versión ao galego que nos achega Manuel Outeiriño do “Poema inacabt” do poeta catalán Gabriel Ferrater. Un longo poema de

Antón Figueroa

ardua tradución, sobre todo polo propósito de M. Outeiriño de conservar na versión galega a forma rítmica dos versos orixinais cataláns.

   Completan o número unha recensión de Francisco Fernández Rei sobre  a novela Costa do solpor de Xosé Mª Lema; un comentario sobre o Discurso de ingreso na RAG de Xosé Fernández Ferreiro e a resposta de Manuel Rivas. A entrevista que o editor Olegario Sotelo Blanco lle fai ao Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad. E o programa para a Presidencia da Real Academia galega que no pasado mes de abril presentou Manuel Fernández González.

   Xa que logo, unha vez máis e contra vento e marea A Trabe de Ouro achégase aos seus lectores con interesantes traballos que á vez que ilustran, aleitan o espírito crítico.