Unha obra perdurable

 

Historia da Literatura Galega I

Das orixes a 1853

Xosé Ramón Pena

Edicións Xerais, Vigo, 2013, 433 páxinas

  

   Con catro volumes previstos que sumarán máis de dúas mil páxinas, a Historia da Literatura Galega de Xosé Ramón Pena converterase sen dúbida nun verdadeiro monumento autorial e editorial. Unha obra de referencia para todos os estudosos da literatura de noso, como foi no seu día a de Ricardo Carballo Calero ou, noutros eidos, a historia do nacionalismo galego que, co título De Provincia a Nación, publicou no ano 2007 Justo Beramendi. Edicións Xerais publica arestora o primeiro volume deste traballo colosal de autoría individual que fai Xosé Ramón Pena que  plasma e tracexa o devir histórico da nosa escrita coas achegas metodolóxicas, historiográficas e bibliográficas que corresponden á altura do noso tempo. Engádese a todo iso o pulo investigador que ten como resultado moitas novidades interpretativas do acontecer literario de Galicia ao longo dos séculos.

   Todo isto atopa neste primeiro volume unha mostra clara e indubidable. Máis de catrocentas páxinas (Das orixes a 1853) reconstrúen o relato crítico do que foi a produción literaria galega desde as súas orixes no medievo ata o ano da publicación d’A Gaita Galega de Xosé Manuel Pintos, no comezo do Rexurdimento. Este primeiro volume dun traballo maratoniano estuda  os textos medievais,  a lírica profana e relixiosa, a prosa medieval, a literatura novelesca, a haxiografía, a historiografía, os textos xurídicos e didácticos, así como a literatura do galego medio, a dos chamados séculos escuros, nos que se produciu  a case total perda da escritura literaria nos séculos XVI, XVII, no longo século XVIII e no XIX ata a eclosión do Provincialismo, contextualizando o autor a súa análise nas coordenadas históricas e sociais, a única maneira de entender cabalmente as producións estéticas, o seu nacemento, desenvolvemento e recepción.

Xosé Ramón Pena

   Está previsto que os tres volumes restantes se publiquen nos anos 2014, 2015 e 2016. Cando a obra estea rematada a Historia da Literatura Galega de Xosé Ramón Pena será o gran manual de referencia para estudar e entender a produción literaria galega, un manual perdurable ao longo de moitos anos, que balizará os estudos historiográficos da literatura de noso nun antes e nun despois.

 (Texto publicado no xornal El Correo Gallego o día 19 de outubro de 2013. Para ver o orixinal, facer clic aquí)