“1989”: evocación dunha época

 

1989

(Alegoría)

Xabier López López

Biblos Clube de Lectores, Cesuras, A Coruña, 2013, 101 páxinas

 

   “Alegoria” ou “traxicomedia” nome que, como coida o autor, lle acaería mellor a esta novela breve, e coa que Xabier López López se anticipa, no seu ano das tullas cheas, á edición de Cadeas, a novela coa que gañou o Premio Xerais deste ano. O autor é arestora unha figura plenamente consolidada da literatura de noso. As súas novelas longas, non moitas, mais de indubidable calado e ricaz feitura así o acreditan. Pero tamén nas distancias curtas, no formato de novela breve, se manexa con soltura. Como mostra esta “noveliña” -así a define o autor- que, secasí, é un chanzo máis no seu camiño como narrador.

   O sámago da narración baséase nun rumor que a finais dos anos 80 se espallou por Bergondo, a vila natal do escritor: que chegaba un importante home de negocios xaponés coa intención de investir nos obradoiros de xoiería do concello coruñés. Aquel dixomedíxome ficou gravado e rexistrado no maxín no daquela cativo de catorce anos, que o converte arestora en materia literaria.

   Todo acontece en Vilar, vila mariñeira, trasunto literario dunha mestura de Bergondo e Betanzos. A evocación convertida en narración por boca de varios personaxes, transcorre ao longo de quince días de decembro de 1989. O feito que dispara as conversas e variadas interpretacións é a suposta chegada á vila dun xaponés, disque, para facer un investimento de sete estralos na industria da xoiería. Son, en efecto, varias voces as que nos poñen en contacto con aquel acontecemento: o adolescente que abandona o instituto e só pensa en cobrar un maior salario; unha viúva, dona dunha modesta pensión; un bibliotecario que opina verbo de escritores xaponeses e tamén de Cela; o sindicalista Arias que deixa o PSOE tras pedir o SI no referendo da OTAN… Todos eles, falando en primeira persoa e desde distintas perspectivas e experiencias,

Xabier López López

achégannos a súa visión do micromundo das Mariñas coruñesas e o que acontecía naquel ano de 1898: a crise que agroma no sector naval, os recortes, xubilacións anticipadas en ASTANO, os rapaces que deixan de estudar engaiolados polos salarios de trinta mil pesetas nos talleres de xoiería, o caciquismo, o clientelismo… E tamén os aconteceres do macromundo: a caída do muro de Berlín e de Ceauscescu, a morte anunciada de URSS, as ideoloxías dominantes, o socialismo real.

   Recuperación ficcional, pois logo, dunha época aínda non afastada no tempo a través da evocación nostálxica, nunha visión poliédrica e cunha escrita convincente, porque recolle a fala da rúa, con intres de afiado humor e algunha escena erótica tracexada con mestría. E moitas “cargas de profundidade” que aínda non mollaron os seus explosivos e seguen sendo altamente oportunas para estourar no presente.