Vinte e cinco anos de “La lluvia amarilla”

 

La lluvia amarilla (Libro máis DVD sobre Ainielle)

Julio Llamazares

Editorial Seix Barral, Biblioteca Breve, Barcelona 2013, 165 páxinas

       Transcorría o ano 1988 cando un  narrador novo daba ao prelo a súa segunda novela, “La lluvia amarilla” que consagraría a Julio Llamazares como un dos máis importantes narradores da recente literatura española. A novela, a máis lida e traducida do escritor leonés, é unha verdadeira xoia da literatura española do pasado século; unha novela de culto, unha narración poética que ennobrece a un idioma. Con motivo do vinte e cinco aniversario da primeira edición, Seix Barral acaba de publicar unha excelente edición conmemorativa que inclúe un limiar do mesmo autor e un DVD documental, “Ainielle”, coa intervención de José Sacristán, o escritor e con escenas da adaptación teatral que convidan, máis unha vez, a perdernos neste presado de historias de soidade, abandono, loucura e morte.


Julio Llamazares


Tense escrito que a obra de Julio Llamazares é un gran dicionario da soidade. Pola miña parte, ousaría afirmar que “La lluvia amarilla” é o calidoscopio  que a reflicte e proxecta de xeito simétrico e axigantado ata o infinito. Porque o abandono, o desamparo,  a tolemia e a morte, entre ese vento maino que vén do río e asolaga coas amarelas follas de outono a aldea deserta do Perineo aragonés, e o conxela coa eterna albura da neve invernal, teñen nesta novela a máxima expresión, un verdadeiro paradigma convertido en arte literaria.

   O derradeiro morador de Ainielle, Andrés de Casa Sosas, personaxe-narrador, achéganos, ás portas da morte e nun impoñente monólogo, a esas historias de desolación e loucura. Na súa casa de Ainielle, enlagada a súa memoria na bategada amarela de follas caídas no outono, na xistra xeada que ateiga o lugar de silencio e desamparo, e no po e  no óxido dos anos, constrúe, sobre  a memoria, as pesadas paredes do esquecemento. Novela, de por parte, que aborda moitas cousas esenciais: o universo rural e o seu abandono, o fluír inexorable do tempo como un río á vez equívoco, melancólico e impetuoso, o mito dos espectros do pasado,  a irrevogable condición social do ser humano. E faino, Julio Llamazares, botando man dunha formidable carga alegórica que nutre todo o contorno narrativo sobre todo de amarelo, e orlando as páxinas do libro cunha verdadeira greca lírica, un estilo de prosa moi ricaz e elaborado que incitan de novo a súa lectura.

 (Texto publicado o día 8 de agosto de 2013 no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal, pinchar aquí)

Advertisements