Unha bala no arrinque da escrita de Burroughs

                      MICRO ENSAIOS LITERARIOS

William S. Burroughs

 

   Refire o narrador e ensaísta mexicano Juan Villoro que o día 6 de setembro de 1951, no medio da borraxeira etílica da que soamente saía cando se atopaba drogado, William Serwad Burroughs aceptou o desafío de Joan, a súa muller, e probou a súa puntería ao xeito de Guillermo Tell. Os amigos da parella xa estaban acostumados aos “xogos telepáticos” de ambos os dous e sabían que a patente homosexualidade de Burroughs e as maratonianas inxestións de drogas, impedían calquera contacto físico entre os dous. O feito foi que Joan puxo un vaso encol da súa cabeza e Burroughs apertou o gatillo desde tres metros. Foi un asasinato accidental e compartido que fixo que adición pola escrita penetrase  no corpo de Burroughs. A enteira obra literaria do escritor de San Luís (Misuri) é, en efecto, un exercicio sostido da estética devastadora daquela bala disparada en México.

   O inmenso suburbio, capital do delito, que era a cidade de México D.F nos anos 50 converteuse para o futuro autor de Almorzo espido nun inferno transitable, nun abismo a súa medida, para agachar a desagradable realidade. Todo isto vén a conto da edición de Queer, traducido ao español co título de Marica.

   Os inicios literarios de Burroughs teñen a súa orixe na sensación de catástrofe e de perda que lle supuxo a morte de Joan: “Todo me leva á atroz conclusión de que xamais chegaría a ser escritor sen a morte de Joan”, escribía o mesmo Burroughs en 1985. E xunto ao drama da pólvora, tamén as cartas de Jack Kerouac e de Allen Ginsberg sitúanse no arrinque literario de Burroughs. Porque o profeta do beat e iniciador da técnica “cut-up”, nacido en 1914  e máis vello e menos cobizoso que Ginsberg e Keruac, nunca pensou dedicarse á escrita. A  súa intención era contribuír co seu enxeño ás oufanías e alardes dos outros. “A miña novela son as cartas que che fago chegar” declaráballe Burroughs a Allen Ginsberg. Porén, en México redactaría a súa primeira novela, Yonqui (1953). As confesións dun drogadicto irremediable.

   Queer foi concebida como un apédice de Yonqui e apareceu publicada trinta anos despois, xunto coa correspondencia que lle serviría de alicerce para a súa obra seguramente máis coñecida, The Yague Letters, (1963) escrita a dúo con Allen Ginsberg.

   A personalidade contraditoria de Burroughs non é merecedora dun xuízo moral condenatorio nin dunha glorificación como anxo estarrecedor que precisou dun asasinato como motor de arrinque da súa literatura. Como escritor, cómpre xulgalo unicamente polas súas obras: un baúl ateigado das máis tremendas experiencias existenciais, de heteróclita vitalidade. Tamén como experimentador da novidosa técnica de arquitecturas narrativas, como o cut-up (unha rachadura da linealidade da literatura), que teñen como finalidade descubrir de xeito azaroso o relato agachado da realidade. A relación polémica que Burroughs establece coa literatura, xorde con forza en Marica, o relato do deambular dun mozo ambiguo por locais sórdidos, no medio dunha fauna en estado de podremia. Se o lector quere meterse no particular mundo dun dos escritores menos edificantes do século XX e contemplar esa paisaxe alucinada que constitúe o seu universo narrativo, ten en Marica un pequeno atlas da maioría dos temas dun dos personaxes de maior carisma biográfico dos últimos tempos.

Advertisements