Álvaro Cunqueiro, xornalista

 

O mundo que teño de meu

Álvaro Cunqueiro

Edición de Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger

Editorial Galaxia, Vigo, 2013, 268 páxinas.

 

   Préstolle hoxe a prometida atención a este volume de Editorial Galaxia, que fai o número once da “Biblioteca Álvaro Cunqueiro” e que nos achega unha boa parte da obra xornalística dese Señor das maxias e das palabras que foi o autor de Merlín e familia. Neste primeiro volume da obra de Álvaro Cunqueiro no seu labor como xornalista, os editores, Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger recollen os artigos en lingua galega que Cunqueiro publicou en xornais e revistas desde 1930 a 1980. Por constituíren un corpus completo, non aparecen neste volume as columnas que Cunqueiro publicou no Faro de Vigo, dos que poderemos gorentar nunha futura entrega..

   A presente compilación preséntanos os artigos de Cunqueiro agrupados por publicacións nas que o escritor de Mondoñedo colaborou entre esas datas de referencia ás que antes fixen mención: Vallibria (1930), Galiza (1931-1933), Yunque ( 1931-1932) A Nosa Terra (1933-1935), El Pueblo Gallego (1934-1936), Nós (1934), La Noche (1948-1949), Alborada (1954), Vida Gallega (1956, 1962), Galicia Emigrante (1957-1958), Grial (1966-1980), Ronsel (1975), Nordés (1976).

   Cincuenta anos de xornalismo, de columnas de opinión nun xornal de tiraxe diaria ou artigos culturais, escritos con máis fondura ensaística para revistas como Grial, Ronsel ou Nordés. Xornalismo de opinión ou cultural alicerzado en raiceiras literarias e que tamén forma parte dese senlleiro macrotexto composto pola obra poética, narrativa, dramática, xornalística e tradutora de Cunqueiro. O lugar central que as tres primeiras facetas  de Cunqueiro escritor ocupan na literatura galega, propenden a facernos esquecer as outras dúas actividades literarias, precisamente aquelas que exerceu durante máis tempo e dedicación.

   O presente volume pretende, xa que logo, saldar a débeda que a literatura galega ten con Cunqueiro xornalista en galego, xa que a súa produción no mesmo xénero en español atópase recollida desde hai anos en varias edicións.

   Na etapa de preguerra,  a meirande parte dos artigos recollidos neste volume, aparecen publicados no xornal vigués El Pueblo Gallego. Artigos de vital importancia, como manteñen os editores porque nos mesmos están presentes os alicerces fundamentais da futura prosa do escritor, sobre todo no eido ficcional. Artigos, como case que todos os de preguerra, puntuados por dous marcadores semánticos: a vangarda e o nacionalismo. As súas referencias verbo da arte contemporánea e a defensa da patria galega, aínda que Cunqueiro se amose como un galeguista conservador e católico. Esa sua Patria “cuios muros gardo e cuia lei defendo como calquera”, tal como escribiu chamando ao SI na campaña do Estatuto de 1936.

   Con outras palabras e tonalidades, escribirá Cunqueiro a partir da barbarie da Guerra. É o Cunqueiro franquista, sobre todo dos anos corenta, que non en galego, pero si en castelán exalta coa retórica que se adoita empregar nos réximes totalitarios, a entrada de Franco en Madrid.

Álvaro Cunqueiro

Endalí que nos artigos que, pouco a pouco, empeza a publicar en galego en La Noche desaparece, como é facilmente entendible, toda connotación política que, malia a súa ideoloxía conservadora, o podía comprometer en tempos perigosos, e o que predominan son prosas de carácter literario, recreacións históricas ou lendarias e mesmo traducións.

   Sexa cal for a opinión que, a estas  alturas dos tempos, cadaquén  pode ter de Cunqueiro, o que é certo é que con este volume o lector ten nas súas mans un amplo abano de prosas de moi distinta natureza que lle permitirán obter unha visión máis cabal e completa dun dos grandes das nosas letras, tanto na súa vertente persoal, na súa evolución ao compás dos tempos, como naqueloutra creativa que é, sen dúbida a que máis nos interesa.

Unha opinión sobre “Álvaro Cunqueiro, xornalista

  1. Pingback: Álvaro Cunqueiro, xornalista | ::Crítica literaria::

Os comentarios están pechados.