“Cantares gallegos”, memorable edición crítica

 

Cantares gallegos

Rosalía de Castro

Edición crítica de Anxo Angueira

Edicións Xerais, Vigo, 2013, 466 páxinas.

 

   O 17 de maio de 1863 tivo lugar en Vigo a publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, o que supuxo o comezo do Rexurdimento xa na súa plenitude. Malia a lectura folclórica, interpretación dominante durante moitos anos como puxo de manifesto Basilio Losada, Cantares gallegos é sen dúbida o libro inaugural, o primeiro libro escrito integramente na lingua de noso da literatura galega moderna. Desde esa data de hai agora cento cincuenta anos, sucedéronse as edicións, algunha delas en vida da autora (Madrid, 1872). Existen mesmo edicións críticas, como a realizada por Andrés Pociña e Aurora López, editada por Sotelo Blanco en 1992 e a de María Xesús Lama (Galaxia, 1995). A importancia de Cantares gallegos para o futuro das letras galegas é transcendental (“supuxo un remuíño  decisivo na súa obra, pero tamén un golpe estratéxico de enorme transcendencia para o futuro das letras galegas”). Resulta pois van e sobexo que me deteña en comentar a importancia das glosas de cantares e ditos populares aos que lles deu forma poética Rosalía, expresando de xeito auténtico e pertinente a voz colectiva da nosa terra, “unha sorte de epopea popular”, alegoría nacional, como caracteriza a obra o editor no estudo introdutorio, seguindo a Fredric Jameson, na que non falta a expresión do pensamento político, social, crítico e mesmo feminista por parte da autora.

   Mais coido que é non só oportuno, senón tamén obrigado salientar esta memorable edición crítica coa que agasalla á cultura galega e tamén a cultura universal Anxo Angueira e que edita Xerais, formando parte dun proxecto xeral de edición das obras completas de Rosalía de Castro en oito volumes. Anxo Anguiera é, sen dúbida a persoa indicada para levar a cabo este colosal traballo de fixación canónica das obras de Rosalía. Os seus estudos previos sobre a autora e os seus vencellos coas terras do Sar, así o poñen de manifesto. Porén, moito máis que os antecedentes, importa o rigoroso e laborioso traballo que xa amosa este primeiro volume.

   Con efecto, a edición de Anxo Angueira vén precedida dun extenso e esclarecedor estudo introdutorio  de mais de cen páxinas que en si mesmo podería ser editado como libro independente. Neste estudo analiza Anxo Anguiera o nacemento do poemario de Rosalía, as teorías sobre a súa xénese, salientando a relación da obra con Sarmiento (Coloquio  como fonte), a súa estrutura, Cantares como alegoría nacional, como novo paradigma poético,  a lingua literaria da poeta, criterios de edición, entre outros apartados de grande interese e algún mesmo novidoso.

Anxo Angueira

   Traballo filolóxico e hermenéutico moi esmerado, ao que seguirán outros sete volumes coa edición crítica do conxunto da produción literaria rosaliana, tanto as obras escritas en galego como aqueloutras que a autora publicou en castelán. Un dos proxectos editoriais de autoría individual de maior entidade. Unha das “Sete Marabillas” no eido editorial galego. Este primeiro volume dá fe do labor xigantesco, cuxo reto asume Anxo Angueira e que espero que chegue a bo porto, seguramente co ritmo pausado que demanda un traballo desta natureza, mais cun navegar seguro e consolidado, convindo quizais co paradigma dixital, mais sen excluír a edición en papel. E fortalecido, se for necesario, co diñeiro público porque a obra de Rosalía é alta literatura e un alicerce fundamental da nosa estirpe, da nosa tribo, da nosa nación.