Olga Castro / María Reimóndez
Prólogo de Belén Martín Lucas
Edicións Xerais, Vigo 2013, 292 páxinas.
“O feminismo aconteceu cando as mulleres aprenderon a dicir EU”, escribiu Gayle Greene. E este aprender a dicir EU, noutras palabras, o feminismo como conxunto de reivindicacións artelladas sobre una alicerce teórico, aparece por primeira vez -e como un froito mái da mesma- durante a Ilustración. Nun momento no que parecía que agromaban e se facían realidade os ideais ilustrados e da Revolución francesa (“liberdade, igualdade, fraternidade”), algunhas mulleres tiveron a coraxe de facer uso da política para reclamar os seus dereitos nesa sociedade dos iguais. Aínda que houbo precursoras tanto na antigüidade (Grecia, Roma), como na Idade Media e no Renacemento, como acertadamente se recolle neste libro enciclopédico, realmente foron mulleres aleitadas nos ideais da Revolución francesa -pensemos por exemplo en Olympia de Gougues ou Mary Wollstonecraft- as que puxeron en valor as teorías e as prácticas feministas.
De todo iso, das orixes e expansión dos feminismos polo mundo enteiro e nos diversos territorios da actividade humana, é unha excelente mostra este libro escrito a catro mans por Olga Castro e María Reimóndez. Con espírito á vez enciclopédico, totalizador e divulgativo, as autoras achégannos un cobizoso proxecto: dar conta “dos feminismos na xeografía e na historia”, como escribe a prologuista, Belén Martín Lucas. Todo aquilo que pode resultar relevante para podermos ter unha idea cabal dos feminismos está presente nesta publicación.
Con esa finalidade estruturan as autoras a súa visión de conxunto do que se entendeu e entende por feminismo,en varios bloques ou seccións. “As voces múltiples dos feminismos”, a primeira delas, é un percorrido polas xeografías desas inmensas revolucións pacíficas que son os feminismos: En Ocidente, cunha cala especial en Galicia, en África subsahariana, América Latina e o Cribe, na antiga URSS, China, India, Magreb, Oriente Medio, países árabes, Xapón. “Temas planetarios” dos movementos feministas (segunda sección), na que teñen cabida asuntos importantes de hoxe e de sempre como a globalización, violencia de xénero, a sexualidade, a orientación familiar, a maternidade, entre outros. Coa súa polifonía, os feminismos traballan nunha rede de cuestións ineludibles para todas as sociedades (páxina 149). Considero que é xustamente nas distintas análises deste bloque onde o volume amosa un trazo máis ensaístico e mesmo acertadamente reivindicativo. Son salientables, na miña estima, os capítulos dedicados ao ciberfeminismo: a necesidade de ocupar (okupalo) o recurso tecnolóxico de internet, moi masculinizado ata o de agora, para as loitas feministas. E asemade esoutro no que as autoras repasan a historia do ecofeminismo e reflexionan sobre as súas distintas correntes (conexión muller-natureza, relación entre natureza e xénero, feminismo ecoloxista).
Velaquí unha breve sinopse dun libro sen ningunha dúbida moi relevante. O gran manual dos feminismos escrito na lingua de noso. Libro non soamente útil, senón tamén imprescindible para termos esa acaída visión de conxunto sobre esa revolución pacífica, pero ao mesmo tempo crítica frente ao que nos presentan, que está mudando as sociedades para facelas máis democráticas. No ano 1994 Alicia Puleo preguntábase quen lle teme ao feminismo. Moitos, respondía, incluso nas ringleiras da progresía. Este libro, cartografía dos feminismos, escrito nun ton totalizador e divulgativo, mais non carente de rigor e espírito crítico, axudará a homes e mulleres a desterrar temores verbo dos feminismos e a apreciar o seu potencial transformador, revolucionario.
Pingback: Álvaro Cunqueiro, xornalista | ::Crítica literaria::