Mirando baixo o chapeau de Vidal Bolaño

 

Un chapeau negro e un nariz de pallaso

Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño

Libro: Montse Pena Presas

DVD: Gonzalo Enríquez Veloso

Editorial Galaxia, Vigo, 2013, 73 páxinas.

 

   Tendo en conta a adversa climatoloxía destas datas, unha boa maneira de celebrar o Día das Letras Galegas deste ano e enchouparnos na engaiolante figura e personalidade dese home de teatro chamado Roberto Vidal Bolaño, é sen dúbida mergullarnos neste libro / DVD que nos ofrece Editorial Galaxia. De por parte, as dúas realidades, a da imaxe-voz e a letra impresa deste produto editorial, son singulares e moi salientables, malia a súa brevidade.

   Con efecto, da man de Gonzalo Enríquez Veloso, que escribe e dirixe o documental, podemos escoitar e ollar na pantalla as palabras e a figura de Vidal Bolaño en breves escenas -non se conservan moitas-, disfrazado con ese chapeau negro e o vermello nariz de pallaso. E sobre todo acceder ao testemuño de familiares directos (o fillo Roi Vidal, a compañeira Belén Quintáns), de actores e compañeiros que traballaron con el (Carlos Mejuto, Rubén Ruibal, Laura Ponte) e algúns investigadores e editores do teatro galego (X. M. Rodríguez Castro, Paco Macías, Dolores Vilavedra, Inma López Silva). Os seus testemuños achégannos á obra e á figura de Vidal Bolaño como creador e director teatral nas dúas compañías ás que lles deu vida: Teatro  Antroido e Teatro do Aquí. Un documental que quizais sabe a pouco por cousa da súa brevidade.

   A filóloga e crítica literaria Montse Pena Presas agasállanos coa segunda realidade, a da letra impresa. Un achegamento, “un percorrido lúdico e literaturizado aínda que rigoroso” pola obra de Vidal Bolaño. Aplaudo a intención divulgativa deste libro, a súa clareza que o afasta se cadra do lector ateigado de erudición, pero que por iso mesmo non espanta o lectorado descoñecedor da figura e da obra do autor. Montse Pena Presas repasa o percorrido vital de Vidal Bolaño, inserindo no mesmo non só os proxectos teatrais, senón tamén as obras dramáticas que ía creando e dirixindo este “home de teatro total”, que perseguía unha dramática de noso que bebese na tradición popular galega e, ao mesmo tempo, estivese á altura dos tempos actuais.

   Mais se algo, na miña estima, cómpre salientar no desvelo da figura e da obra de Roberto Vidal Bolaño que realiza Montse Pena Presas, son os “fragmentos de vidro do calidoscopio”, co que nos revela, de forma rigorosa e ao mesmo tempo comprensible para todos os públicos, as claves da súa produción dramática que substancio en poucas liñas: interese pola tradición cultural galega, preferencia polos personaxes e ambientes periféricos e marxinais, forte autocrítica social, querenza por un “outrora” , forte pegada da cinematografía, importancia da metatrealidade , recurso á ironía para a construción da sátira, omnipresenza da morte, inexistencia dunha obra dirixida ex profeso  ao público infantil, vontade de autorreferencialidade.

Montse Pena Presas

   Un libro pois que nos achega á figura e a obra dramática de Vidal Bolaño e dalgunha maneira fai viva a súa presenza desde unha escrita concisa, comprensible e á vez moi precisa, amosando a autora unha excelente capacidade de síntese.

   Amalgama, pois logo, de imaxe e palabra falada e escrita para ollar debaixo do chapeau negro e coñecer quen era Roberto Vidal Bolaño.