A Trabe de Ouro, 92

 

A Trabe de Ouro

Publicación galega de pensamento crítico

Dirección: X. L. Méndez Ferrín

Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela, 2013, 146 páxinas.

 

   Contra vento e marea e facendo fronte a dificultades e atrancos dos que soamente son coñecedores a dirección da revista, o consello de redacción e a empresa editora, pero que nós podemos intuír, A Trabe de Ouro, esa publicación galega de pensamento crítico, acode á cita co seu lectorado, acadando así o número 92, que corresponde ao último trimestre do ano 2012. Vinte e tres anos de pensamento crítico, nunha época pouco propicia ao pensamento e aínda moito menos a esas revoltas lóxicas que, invocando a Alain Badiou, presente neste número, son consubstanciais con función de pensar de xeito crítico.

   Porque A Trabe de Ouro segue a ser maledicente e crítica nun mundo que confunde a universalidade coa uniformidade do pensamento, que menospreza o diálogo e marxina a aqueles que falan de pluralidade ou se rebelan contra as identidades impostas e tamén afirmadas e loadas polos poderes fácticos, é dicir polo planetario dominio neoliberal.

   Logo dunhas esclarecedoras liñas editoriais sobre os territorios da crise (reducida a Europa e aos EE.UU. países cen por cen capitalistas, e sobre a desfeita de Galicia), a revista nutre as súas habituais seccións (Cuestións, Acoutacións, Textos, Publicacións e Crónica) con traballos de fonda entalladura. Francisco Sampedro (“A urxente subxectivación política”) reflexiona, máis unha vez, sobre marxismo e cuestión nacional, chegando á conclusión de que o comunismo do século XXI ten a súa vixencia diante e non detrás e todo por ganar. Marx e o comunismo non pasaron polo mundo “como unha teoría e ideoloxía de superficie”. Están inscritos na historia, na forma dun discurso inédito, imprescritíbel. O filósofo Alain Badiou proponnos unha sorte de autoconfesión, feita non ao xeito dun autorretrato, senón con imaxes e viñetas biográficas. Dez viñetas que retratan as súas orixes -agregado de filosofía que é a única posibilidade de asumir a dobre filiación: a maternidade literaria e a paternidade matemática-, a súa formación e andadura ata desembocar na literatura. Verbo da identidade feminina  escribe Manuel Fernández Blanco (“Identidade feminina, amor, violencia e feminicidio na actualidade”). No ronsel sobre todo de Lacan, o autor analiza a feminidade na época actual, a violencia sexual, o feminicidio e a situación que se produce cando a muller deixa de ser obxecto para se converter en suxeito, cunha depreciación do amor no discurso de moitas mulleres. Xosé Ramón Pena achéganos a segunda parte do seu traballo “A occidentalización do cantar trobadoresco”. Un dos nosos medievalistas máis rigorosos e sobranceiros analiza as coordenadas onde emerxen os cantares de amor galego-portugueses.

X. L. Méndez Ferrín, director de A Trabe de Ouro

   Dúas recensión de publicacións con achegas de Víctor Campío Pereira sobre a novela A noite branca de Francisco X. Fernández Naval, e de Francisco Sampedro sobre o pomeario transmuta de Xabier Cordal e unha lembranza de Xan González Millán aos dez anos do seu pasamento e o desastre do Prestige, asinada por Francisco Fernández Rei, pon cabo a este número de A Trabe de Ouro, no que sigo botando en falta o espazo final “Censura democrática”. El será que a censura desapareceu das nosas coordenadas ou só está temporalmente adormecida?