Da catarse ao drama

Elias Portolu

Grazia Deledda

Tradución de Isabel Soto

Editorial Hugin e Munin, Santiago de Compostela, 2012, 171 páxinas.

Unha boa tradución de Isabel Soto permítenos gorentar na lingua de noso esta novela da escritora sarda Grazia Deledda, posiblemente pouco coñecida malia ter sido galardoada co Nobel en 1926. Elias Portolu (1903) é unha das súas obras máis representativas e seguramente a máis polémica. A escritura de G. Deledda está aínda distante  no tempo, pero á vez presente verbo dos temas que se desenvolven no Novecento literario. Ao mesmo tempo na súa narrativa hai unha forte pegada do rexionalismo, do naturalismo e do decadentismo.

A historia de Elias Portolu convértese nesta novela en emblema da loita entre vida e moral que a autora nos achega mediante unha fonda introspección da conciencia dos personaxes.

Elias Portolu volve da cadea  desexoso de comezar unha nova vida. Pero namórase de Maddalena,  a muller do seu irmán e con ela comete adulterio. Sucumben reiteradamente á tentación e, despois do pracer, senten o afliximento do pecado. A muller queda preñada e Elías, entre angustias e dúbidas faise cura. Virán máis tarde a morte do home da Maddalena e do fillo froito do amor incestuoso que sinalan a catarse que remata en drama.

A autora reflicte con mestría os conflitos internos dos personaxes, as loitas entre a paixón e a visión mística da vida. Os seus personaxes son seres vivos, á vez ideais e reais, mergullados nunha cultura arcaica rexional en evolución cara ao individualismo burgués.

 

(Texto publicado o día  28 de marzo no suplemento Faro da Cultura, páxina VII do xornal Faro de Vigo)