Vigo dende o corazón de Galicia
Varios autores
Edición de María Dolores Cabrera Iglesias e
María Dolores Villanueva Gesteira
Fundación Penzol, Editorial Galaxia, Vigo 2013, 133 páxinas.
A Editorial Galaxia en cooperación coa Fundación Penzol e co patrocinio do Concello de Vigo sacou á luz hai unhas semanas un volume homenaxe a Francisco Fernández del Riego con motivo de se cumpriren o pasado 7 de xaneiro os cen anos do nacemento desa figura senlleira das nosas letras e da nosa cultura, o intelectual galeguista nado na vila lucense de Lourenzá. Editan a obra María Dolores Cabrera Iglesias e María Dolores Villanueva Gesteira, autoras así mesmo da pormenorizada cronobiografía na que se recollen con precisión os trazos máis salientables de Fernández del Riego no labor cultural, literario e político con anterioridade e posteridade á Guerra Civil. O patrocinio da obra correspondeulle ao Concello de Vigo, cuxo alcalde asina asemade un saúdo inicial, enteiramente prescindible e mesmo pouco menos que contraditorio cun persoeiro que tan pouco emprego fai da lingua pola que Don Paco tanto loitou.
A vida intensa e comprometida a prol do país e da súa lingua é analizada a seguir por unha extensa miscelánea de artigos nos que amigos, compañeiros, familiares, ex alumnos e mesmo o seu médico persoal evocan “a figura imprescindible” desde os tempos da República ata a data da súa morte, como escribe Rosa Aneiros. Trátase dunha volta sobre o camiño andado como reza o título desta sección. Un amplo monllo de colaboracións homenaxean ou lembran trazos da vida e da actividade do home que descansaba cambiando de traballo. Non faltan as simples “laudatio”, artigos escritos para cumprir co compromiso, celebrando ou eloxiando a figura do homenaxeado, pero que nada engaden nin de novidoso nin de persoal. Mais a carón deles, o volume agasállanos con outras achegas que analizan aspectos de moito interese da vida e da obra de Francisco Fernández del Riego. X. L. Méndez Ferrín recrea en poucas liñas a historia da Fundación Penzol, da que Del Riego foi o motor, “o capitán na ponte de mando”, que permitía reunións nunha sala da Biblioteca de mozos antifranquistas e actividades clandestinas da UPG. X.L. Franco Grande lembra así mesmo, logo de traer a conto algunha curiosa anécdota, a Paco del Riego desde o seu habitáculo de Policarpo Sanz, 24-1º como facho de permanente luz para a diáspora galega.
Outros moitos colaboradores caracterizan a Del Riego ou dan noticia da súa personalidade e das súas actividades. Velaí as colaboracións de Xurxo Martínez González, Víctor F. Freixanes, Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa, Camiño Noia, Ceferino de Blas, Alfonso Paz-Andrade, María Xosé Queizán, Gabriel Fernández Méndez, Salvador Cervantes de la Torre, María Dolores Villanueva Gesteira, entre outros..
Subliño, polo seu especial significado, a recreación de Francisco Fernández (sen del Riego) como profesor do Colexio Mezquita e a súa delicada situación, por mor da súa militancia galeguista, nas lembranzas de catro do seus antigos alumnos. E pola información que achega, “Peregrinatio ad loca docta”, escrito por Xesús Alonso Montero, que nos relata os encontros nos seus anos mozos con “Don Francisco”. É tamén de interese a recuperación da vida en familia, nas lembranzas da relixiosa, irmá de Del Riego, Ana María Fernández del Riego.
Unha última sección, “Vigo nos textos de Del Riego”, reflicte en breves artigos publicados en distintos medios e da autoría do propio Fernández del Riego e que van desde o anos 1955 ata o 2003, a visión que tiña da cidade na que pasou a maior parte da súa vida.
O abundante material gráfico espallado a través do volume e descoñecido en boa medida, converte este xa fermoso libro nunha publicación imprescindible para coñecer en profundidade a figura do mestre e polígrafo. Cando se escriba a súa biografía completa -espero que non teñamos que agardar por ela ata o ano no que se lle dedique o Día das Letras Galegas-, este libro de lembranzas e homenaxe será sen dúbida unha fonte documental imprescindible para refacer a traxectoria vital dun home que encheu coa súa personalidade e o seu incansable e rexo traballo boa parte da historia cultural de Galicia nos últimos oitenta anos.