Hóspede perpetuo no hospital

 

O curioso mundo das persoas normais

Xosé Monteagudo

Editorial Galaxia, Vigo, 2012, 131 páxinas.

  Non é a primeira vez que Xosé Monteagudo ficcionaliza feitos e acontecementos reais. Lembro, como tal, a súa novela Un tipo listo (Galaxia, 2009), na que narra desde o territorio da ficción o enorme calote financeiro  producido nunha sucursal dun banco de Vigo, atribuído ao director da mesma, Pepe do Banco Pastor. Recunca arestora con esta novela breve, O curioso mundo las persoas normais, inspirada asemade nun caso real: a vida dopaciente do cuarto 415 do Hospital Provincial de Pontevedra, Agapito Pazos, falecido no ano 2010, logo de pasar setenta e sete anos nesas dependencias, tras serlles detectado, cando foi abandonado con apenas dous anos, alá polos anos trinta, un certo atraso mental e espiña bífida, que o convertían nun discapacitado.

 Da noticia xornalística entón publicada, xorde a cerna desta historia que, porén, non é a biografía deste paciente perpetuo, senón unha verdadeira ficción contada desde un peculiar punto de vista do autor, froito todo dun verdadeiro acto creativo, se ben o paciente real (Agapito Pazos) e o personaxe da novela comparten certos trazos (o medo ás gaivotas e a saída fóra das paredes do Hospital durante un fin de semana). Todo o demais, sobre todo a visión do mundo real que ten o personaxe de Xosé Monteagudo, é froito do seu maxín.

O gran reto para o escritor foi sen dúbida atopar a perspectiva axeitada para contar unha historia dun personaxe que non se move do escenario das catro paredes dun cuarto hospitalario, sen resultar o seu relato unha historia insufrible, sen aburrir ao lector. E atopouna o escritor facendo desfilar a través dos ollos do seu personaxe unha boa parte da historia do século XX, sen excluír  a Guerra Civil. Endalí que o personaxe da novela ingresa no centro hospitalario, non no ano 1933 con dous anos como Agapito Pazos, senón un pouco antes para dotalo de capacidade de percibir a través de voces vicarias o acontecido no ano 36.

   Resulta lexítimo cuestionarse se o personaxe novelesco pode ter unha perspectiva histórica verbo do que acontece extra muros do seu cuarto hopistalario e do que soamente ten noticia a través de persoas interpostas: o que lle contan médicos, coidadores, , os outros doentes, os seus familiares Ou o que capta por veces a través de murmurios ou medias palabras, percibidas desde o seu retraso mental e sen ningún referente obxectivo real, e sobre todo sen coñecer o significado das palabras, de palabras como felicidade, amor, honor…

Mais o autor sae airoso desta situación e, a través de informacións que ha de completar o lector, permítenos presenciar ou adiviñar a evolución de Galicia (A Guerra Civil, os medos da represión franquista que se ceba no doutor que o atende ao que lle deron matarile (palabra que el obviamente non entende), os fuxidos no monte, a “sabedoría” de non preguntar que observa nalgunha xente do mundo de fóra, certas sinais de cambio na transición  democrática… Así como a captación parcial que o paciente vai tendo do mundo de fóra.

   É aquí onde Xosé Monteagudo converte os receptores do seu protagonista nunha ollada crúa, a vez inocente e irónica, que non entende o funcionamento e o falso proceder das persoas normais (“a segunda cara que non se percibía a simple vista e que a miúdo contradicía o que el entendera de primeiras”, páxina 31).

Á marxe pois da vida exterior, alleo mesmo á vida administrativa ata os seus últimos anos, o protagonista constrúe no seu cuarto hospitalario o seu propio espazo vital, no que se sente  cómodo e satisfeito, aínda que nun intre  soñe co amor dunha enfermeira. E sobre todo chega á conclusión de que o mundo de fóra é ben curioso e funciona baixo unhas regras que non entende o seu cerebro.

 

Xosé Monteagudo

Xosé Monteagudo achéganos ao punto de vista deste paciente perpetuo e faino por medio dun narrador en terceira persoa por mor da discapacidade mental do seu protagonista. Narra ademais dun xeito verosimil, sinxelo, á vez tenro e desacougante, con pingas de humor, facendo que abrolle na mente lectora paradoxalmente unha visión crítica do que coñecemos como sociedade normal, ollada desde a perspectiva da persoa eivada, privada do mundo e mesmo de desexos e que, con todo, semella ter vivido feliz malia a súa absoluta vulnerabilidade.