Álvaro Cunqueiro en La Noche

“Los días” en La Noche

Álvaro Cunqueiro

Edicións de Luis Alonso Girgado e Lorena Domíguez Mallo

Colaboración de Anastasio Iglesias Blanco

Librería-Editorial Follas Novas, Santiago de Compostela, 2012, 488 páxinas.

 

   Se algo salta á vista nunha primeira ollada deste volume publicado por Follas Novas en edición encomiable de Luis Alonso Girgado e Lorena Domínguez Mallo, é o infatigable labor de Cunqueiro do que falan os dicionarios. No ano 1955 recoñecíase que aínda que xa existían algunhas recompilacións dos seus artigos de prensa en libros, a meirande parte dos mesmos aínda agardaban ser reunidos  en publicacións unitarias. Desde entón moito se ten traballado nesa liña, ata o punto de que os editores rexistran vinte e seis libros, en galego ou en castelán, que recollen artigos de Cunqueiro, publicados en diversos medios. Unha amplísima bibliografía,  xa que logo, á que arestora se lle engade este volume que recompila as colaboracións de Álvaro Cunqueiro no xornal santiagués La Noche, que desapareceu en decembro de 1967 dando lugar a actual cabeceira, El Correo Gallego. Cunqueiro como xornalista xerou exquisitas fabulacións “con tendencia á ucronía, (e) equilibrada mestura de humor e erudición” (Dicionario da Literatura Galega, I). Tocou os temas máis dispares e mesmo o erotismo non lle foi alleo e forma parte dalgunhas das súas colaboracións, como tal na páxinas eróticas de Bazaar  (1977-1979).

   Aínda que Cunqueiro pensaba que periodismo e literatura eran irreconciliables e confesou que foi xornalista por necesidade como un medio de subsistencia, recoñeceu, porén, que o xornalismo lle ensinara a arte da brevidade, da claridade e da sinxeleza. Hoxe é lexítimo pensar que os miles e miles de artigos en revistas e xornais e esa disxuntiva xornalismo / literatura non significou un atranco significativo no seu labor como creador literario. Remítome as súas obras.

   O xornal vespertino La Noche foi unha das incontables cabeceiras de prensa nas que Cunqueiro colaborou. La Noche foi un xornal  que en tempos difíciles soubo manter un talante galeguista baixo a dirección de José Goñi Aizpurúa  primeiro e máis tarde,  de Borobó. Colaboradores como Vicente Risco, Otero Predrayo, Filgueira Valverde, Méndez Ferrín, Cunqueiro…prestixiaron o labor do xornal santiagués. Por galeguista e tras a denuncia dun coronel de Ourense, tal como confesa Cunqueiro, foi prohibido e desapareceu o xornal compostelán .

   Neste medio colaborou activamente Álvaro Cunqueiro quer con artigos soltos, quer cos que integran a serie “Los días”, que son os que recolle este volume. Douscentos trinta e tres artigos publicados entre o 22 de setembro de 1959 e o 9 de outubro de 1962. Artigos todos eles en castelán, mais con frecuentes incrustacións en galego e un Postludio de Luís Cochón igualmente na lingua de noso. Artigos de temas moi variados, escritos moitos deles desde a maxia, que foi o motor de moitas de obras de creación literaria do escritor mindoniense. Con coexistencia do real e do soñado, do universal e do galego, e que non perseguen informar baixo criterios de actualidade, de signo exteriorista, senon dar conta de vivencias persoais e íntimas, nacidas baixo o pulo dunha lectura ou da lembranza dun libro escrito por el.

   Se ben Cunqueiro colaborou con revistas falanxistas e medios xornalísticos da ditadura, entre eles El Alcazar, estes artigos, agora recompilados,  están depurados dese xorne ideolóxico, proselitista e retórico, característica da súa escrita xornalística dos anos trinta e corenta. O que prima nestes artigos é a inmensa capacidade fabuladora do mindoniense, ao servizo da literatura xornalística. Artigos, pois, para embarcarnos a partir de temas cotiáns en singraduras fantásticas.

Álvaro Cunqueiro

   Paga a pena e é de xustiza salientar a edición de Luis Alonso Girgado e Lorena Domínguez Mallo, así como o Postludio de Luís Cochón. Os editores agasállannos  cunha ampla introdución  contextualizadora da obra xornalística de Cunqueiro e unha compilación moi preto do que é unha edición crítica, con profusión de anotacións ao pé de páxina. O Postludio de Luís Cochón afonda e reinterpreta algúns dos temas do labor xornalístico e literario  de Cunqueiro e as súas circunstancias. Da última das súas calas tiro esta referencia do amigo de Cunqueiro, Alberto Casal, que xustifica compilacións como esta: “Y sobra decir que los tuyos  revisados -los artículos- tienen un interés perenne que debe pasar de la hoja de periódico al tronco macizo del libro” ( páxina 434).