Negras historias

Sarou / Louzós

Ramón Caride

Edicións Xerais, Vigo, 2012, 181 páxinas.

 

 

Baixo o rótulo dos seus topónimos míticos -Sarou nas Rías Baixas e Louzós na Galicia interior-, retorna Ramón Caride aos andeis das novidades editoriais ofrecéndolle ao lector o máis representativo da súa narrativa breve, relatos amalgamados neste caso por pertenceren á serie negra.

Nesta escolma de Xerais achéganos en efecto a novela breve Sarou (1997), máis doce relatos recollidos dos non poucos libros de narrativa breve, subxénero no que R. Caride é un verdadeiro mestre, nomeadamente cando se enfronta con narracións de violencia a través de historias profundas e doentes, adobiadas co realismo e a negrura, que asolagan existencias enteiras, tanto nas traxedias da Galicia interior como nos crimes e delitos, igualmente dramáticos, das Rías Baixas.

Ramón Caride

Saliento a singularidade destes relatos porque a escrita “criminal” de R. Caride, ademais de considerables cotas de calidade literaria, supera os parámetros do relato detectivesco, tan frecuentado nos últimos tempos na literatura galega. O decisivo nesta narrativa breve non é a habilidade detectivesca na investigación do delito, senón a axeitada representación no espello literario, de personaxes, ambientes e comportamentos relacionados coa mala vida, así como o retrato crítico da sociedade e a introspección psicolóxica. Negras historias, xa que logo, de escuro e violento realismo e de naufraxios existenciais.

(Texto publicado o día 27 de setembro no suplemento Faro da Cultura, paxina VII do xornal Faro de Vigo)