Pessoa: antídotos contra o pensamento único

MICRO ENSAIOS LITERARIOS

 

Cerca de cen anos antes de que moitos pensadores actuais erguesen a súa voz reclamando fronte ao deus chamado mercado e ao emblema comportamental da sociedade posmoderna e neoliberal que prohibe pensar ou se ofrece a facelo por nós, xa o fixera Fernando Pessoa, o poeta das heteronimias. O cualitativo, o imaxinativo, a ensoñación e, o que aínda resulta máis curioso,  a lóxica da contradición  atópanse presentes nuns textos que o poeta escribiu no ano 1915 para as páxinas de O Jornal. Foi unha experiencia curta, mais excitante que se concretou nunha columna, “Crónica da Vida que Pasa”. Nesas achegas xornalísticas, fronte ao delirio uniformizante do pensamento único, Pessoa receita o “contraditorio como terapéutica de liberación”. É a vacina que ofrecía Pessoa contra a doxa pública e mediática imperante e que lle supuxo a expulsión do xornal, porque os seus artigos foron considerados polo director de O Jornal politicamente incorrectos.

O pensamento único alicérzase na lóxica clásica xerada en Grecia catro séculos antes da nosa era e ten en tres principios solidarios (identidade, contradición e terceiro excluso) o seu núcleo axiomático para asegurar a evidencia, a coherencia e a validez formal de discursos e de teorías.

Fronte a esta lóxica que se ocupa, como diría Novalis, dos cadáveres do pensamento racional. Pessoa fornécenos de antídotos que formula nas seguintes liñas: “Toda opinión é unha tese, e o mundo, a falta de verdade, está cheo de opinións. Mais a cada opinión compételle unha contra-opinión, sexa crítica da primeira, sexa complementaria da mesma. Na realidade do pensamento humano, esencialmente flutuante e incerto, tanto a opinión primaria, como a que lle é oposta, son en si mesmas inestables; non hai síntese, xa que logo, nas cousas da certeza, senón tese e antítese soamente”.

Velaquí os trazos fundamentais dunha nova lóxica contraposta á dedutiva-identitaria e que ten no paradoxo, na “coincidentia oppositorum”, o seu cerne doutrinal. Unha lóxica que é, á vez, moi vella e moi actual. Tan antiga que xa fora formulada por Heráclito da forma máis substanciosa que se poida matinar: “Vivir de morte e morrer de vida”. Mais á vez tan contemporánea que fundamenta a lóxica da contradición complementaria de Lupasco ou a dialóxixa ou epistemoloxía da complexidade de Edgar Morin.

O paradoxo está pois presente na linguaxe que o poeta practicaba de xeito heterónimo. Unha criatura de nervios modernos…de sensibilidade esperta, escribía Pessoa, ten a obriga cerebral de mudar de opinión e certeza varias veces no mesmo día. Eis o Pessoa politicamente incorrecto do que podemos extraer antídotos críticos, impregnados da lóxica da contradición e dun ton irónico contra a tiranía homoxeneizadora do pensamento único e da lóxica produtiva, inimigos da poiesis, da creación de imaxinarios simbólicos ficcionais.

Mural de Pessoa no café "Martinho de Arcada". Foto de Rosabel Lage Casado